Mostrando entradas con la etiqueta Medo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Medo. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de junio de 2023

A sombra cazadora, de Suso de Toro

 A sombra cazadora de Suso de Toro é unha novela para adolescentes que teñen preguntas e están  buscando respostas. Veñen sendo criaturas mergulladas nun mundo onde as pantallas teñen un gran poder de atracción e un espazo onde atopalas para sentir que son aceptados e á vez catalogados polos demais. Partindo desta realidade, o autor da novela, Suso de Toro, recrea un lugar onde o mito e o sobrenatural mestúranse coa ciencia ficción. As pantallas están presentes nesa Imaxe, metáfora do control que recorda ao Gran Irmán da novela 1984 e que, coma Fausto, prefire o poder e o éxito renunciando á virtude.

Un pai que desexa salvar aos seus fillos produce un monstro que toma consciencia de si mesmo, a Imaxe, e convértese nunha ameaza tras dedicarse a espiar o mundo real. Os dous fillos adolescentes levarán sobre os seus ombros o peso da narración, nunha estrutura poliédrica que aporta distintos punto de vista, iso si, ás veces de xeito caótico. 

En definitiva, unha alarma contra os perigos da Tecnoloxía.


jueves, 9 de febrero de 2023

Marina, de C. Ruíz Zafón

 


Marina é unha novela na que se desenvolven dous relatos paralelos enmarcados polo Modernismo da cidade de Barcelona, pero separados no tempo. Son dúas historias de amor, unha adolescente e familiar e outra  de principios do século XX con personaxes exóticos de ambiente gótico e terror por momentos. 

Con influencias literarias como Frankenstein de Mary Shelley, Zafón vai insertar nesta novela retazos de moitas obras senlleiras intercalando amizade, amor e castigo co rexeitamento de experimentos médicos antinatura. O onírico está presente en toda a obra sen ser quen de distinguir o que é real e o imaxinario. Os incendios, o terror, o ambiente e os personaxes escuros lévannos a atravesar a escuridade ata un pozo sen fondo onde o abismo nos espera.


lunes, 3 de junio de 2019

Juul, de de Gregie de Maeyer e Koen Vanmechelen

    Nesta ocasión falaremos do libro Juul, que trata dun tema moi delicado (o acoso escolar).
     A súa lectura fíxosenos dura, pero a verdade é que pensamos que a pesar diso, esta historia debe ser contada. 
Imaxe da cuberta
    O libro é un álbum ilustrado que conta a historia dun neno que é o obxectivo das burlas dos seus compañeiros e decide ir eliminado aquelas partes do seu corpo que provocan risa e desaprobación, ata acabar convertido nunha pelota de xogos. Cada páxina presenta unha nova mutilación, e a cada páxina que avanzamos, sentímonos peor e ímonos quedando máis e máis calados... As páxinas do libro parecíannos moi frías, e os textos moi duros, pero pouco a pouco comprendemos por que estaba escrito así. Ao final aparece Nora, unha nena que o acaricia, e devólvelle a palabra ao poñerlle un lapis na boca e darlle papel. Devólvelle a voz... e Juul pode contar o que lle pasou, e que foron as burlas as que o levaron a esa autodestrucción. 
    Sen darnos conta, tamén nós fomos recuperando a voz e puidemos contar cousas que nos fixeron dano, puidemos reflexionar sobre o estúpido do noso comportamento ás veces, e tamén sobre o fácil que é danar a un compañeiro... pero tamén sobre o fácil que é axudalo se nos comprometemos. Juul autodestrúese para ser aceptado, para que o queiran, pero nunca é suficiente. 
   Agora xa sabemos que nunca debemos baixar por este camiño, porque este camiño leva a ningunha parte. Reflexionar entre todos sobre os insultos, a autoestima e sobre todo, falar sobre o valor da diferencia, fíxonos pensar e repensar certas cousas... e tamén serviu para facernos algunhas promesas. Clube de Lectura Inclusiva

miércoles, 15 de mayo de 2019

Uno de ellos, a arquitectura do medo, de Ricardo Gómez

    Necesítanse uns alicerces para construír un edificio, iso non ten réplica. Da mesma maneira, na literatura de terror (ou do seu irmán pequeño, o medo) para que xorda ese latigazo helado que percorre o noso espinazo, compre recorrer aos vellos relatos nos que aparecen todos os recursos do xénero sen os que indefectiblemente nunca veríamos emoción algunha.
 A obra de Ricardo Gómez está chea de todos eses recursos, o autor bota man da maioría dos medos atávicos da humanidade: medo ao que se sae da norma, horror ao monstro no que te podes converter, querendo ou sen querer, obrigado por alguén, ou peor, por algo descoñecido e alleo a ti, desconfianza ante os teus, pánico ás institucións encubertas, pavor ás casas poseídas...
     Con todo, ás veces, como nesta obra e para a nosa sorpresa, o protagonista pasa por unha serie de etapas que prefiguran a súa transformación: do terror pasa ao desconcerto, do desconcerto á indignación, da indignación á aceptación. Como nos pasos dunha enfermidade grave. Iso si, a aceptación non é gratuíta, obrigada, senón case desexada ao final, pois se a esperanza de mellora, de progreso físico e mental supera calquera expectativa e non te convirte nunha aberración para os demais, é dicir, se ninguén é capaz de ver a simple vista a túa mutación, despreciarías a túa nova realidade? Estarías disposto a perder para ganar? Responde.

viernes, 24 de junio de 2016

O meu pesadel favorito, de María Solar

Ata o noso último empeño 
é só un soño dentro dun soño.
 E. A. Poe 

Que curioso iso de comezar o primeiro trimestre con Prohibido ler a Lewis Carroll e rematar o terceiro con O meu pesadelo favorito. Unha casualidade, e con todo un descubremento, porque as dúas historias da Alicia de Carroll e o relato de María Solar están enmarcados no mundo dos soños, algo que a rapazada percibiu sen ningunha dificultade, dando pé aos pertinentes comentarios.
 A imaxinación constrúe o mundo onírico e tamén forma o urdido da literatura, ambos están íntimamente enlazados…e polo tanto ás veces mestúranse. Quen non coñece O soño dunha noite de verán ou Rip van Winkle? Como imos pasar por alto que O extraño caso de Dr. Jekyll e Mr. Hyde de Stevenson ou o Frankenstein de Mary Shelley son produto de sendos pesadelos dos seus creadores? Un exercicio recurrente nas clases de literatura son os relatos dos soños. O alumnado lánzase con fervor á descripción dos anhelos e os temores forxados no maxín en noites insondables. Pero hai que ler para escribir, e qué mellor que os contos tradicionais.
Esperando que os disfrutedes, deixo aquí os enlaces para que poidades mergullarvos en dous contos oníricos antigos, o primeiro, “ Los dos que soñaron”, extraído de As Mil e Unha Noites e o segundo, “ El sueño infinito de Pao Yu”, de O soño do Aposento Vermello do escritor chino Tsao Hsue-Kin. Verdad que este último vos recorda a O meu pesadelo favorito por aquilo do soño dentro do soño, dentro do soño, dentro do soño..?