Mostrando entradas con la etiqueta Redes Sociais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Redes Sociais. Mostrar todas las entradas

miércoles, 9 de diciembre de 2020

Sabrina, de Nick Drnaso

 


Nesta primeira reunión do club de lectura de 1º de bacharelato sentámonos a debater sobre a novela ilustrada “Sabrina”, de Nick Drnaso. Unha novela realista, á vez que aterradora, pois nos ensina unha das facetas máis escuras da nosa sociedade.

No relato nárransenos os acontecementos ocorridos tras o secuestro e posterior morte de Sabrina, unha rapaza de vida relativamente normal ata o suceso. As únicas persoas realmente preocupadas polo seu paradoiro os días seguintes á súa desaparición eran os seus familiares máis achegados e o seu mozo, Ted; quen se traslada á casa do seu amigo Calvin nun estado de depresión extremo. Porén, o corpo de Sabrina é atopado e a noticia faise viral, tendo este feito graves repercusións psicolóxicas nas persoas máis implicadas no caso: Ted; Calvin; e os familiares de Sabrina, destacando a súa irmá.

Esta novela trata de ser un reflexo da crueldade da nosa sociedade ante estes casos, unha denuncia á inmediatez, ás conspiracións, aos medios de comunicación, ás redes sociais... e a todo o que conforma o noso presente. Vemos como a xente lle resta valor a un feito tan atroz por buscar respostas fáciles e rápidas, pois iso é ao que nos teñen acostumados: a respostas inmediatas; non a reflexionar sobre que estamos a facer como sociedade. Preséntansenos situacións de todo tipo, con personaxes de toda clase: persoas crentes nas conspiracións, medios de comunicación sensacionalistas, aqueles que se cren donos da verdade, outros que só buscan chamar a atención... E dentro de todo este caos están os protagonistas, persoas comúns intentando afrontar o seu duelo que se ven bombardeadas polos ataques desta sociedade frívola e carente de empatía. Mais ao final, como adoita acontecer, a xente atopa outro caso que comentar e esquécese de Sabrina; deixando aos nosos protagonistas sumidos en dor e cun duro futuro que enfrontar sen o seu ser querido.

Trátase dunha lectura difícil, que nos incita á reflexión e que nos deixa grandes ensinanzas; á vez que un forte desacougo no noso porvir. Como chegamos a esta sociedade? Por que o ser humano é tan cruel? Que estamos facendo mal? Son algunhas das preguntas que nos deixa esta moi recomendable novela gráfica.

Por Rachel, 1º Bac

martes, 2 de abril de 2019

Bajo el paraguas azul, de Elena Martínez

Imaxinade un grupo de humanos vagando sen rumbo ao outro lado da fronteira. Non teñen país, leis nen recursos. Sobreviven como poden, xuntos pero alleos, entre eles hai medo e desconfianza, non teñen a quen recorrer. O que un diga, bástalles, ao que discrepa, afúndeno. Todo é confusión e desconcerto…

Pois non, non se trataba do tráiler da última película de zombis ou de refuxiados, senón da vida cotiá dos nosos fillos adolescentes. Viven nun mundo desastrado, cruel. A pesar de que teñen de todo, non lles abonda, e aínda que contan con máis liberdade que nunca, están controlados sempre: polos pais, polos amigos, polas redes…Non son moi felices que digamos os nosos nenos.

Na novela de Elena Martínez cóntase que da noite á mañá unha pequena pode perder todo o que tiña: a seguridade, a tranquilidade, a amizade e a liberdade cun só xesto: o de mandar unha foto comprometida a unha persoa poco fiable e sen escrúpulos. Todos temos dereito ao anonimato, a unha vida privada, pero moito máis a xente nova, os máis débiles. Percibimos cousas, presenciamos sucesos, vivimos experiencias que nos alertan sobre situacións preocupantes e facemos oídos xordos. Non podemos seguir como o avestruz, escondendo a cabeza para non ver o que sucede. Os pais e os profesores deben unirse e combater o bulling, sen excusas, sen xustificar as conductas despóticas duns poucos menospreciando a dor das vítimas, sen encubrir aos violentos. Hai que sinalalos e illalos, que saiban que non os aceptamos, que consideren o dano que causan.

Bajo el paraguas azul cumpre co seu cometido, trátase dunha lectura fácil, que engancha, gústalles á rapazada. Os que o len reflexionan, oféndense, enóxanse e móstranse máis audaces por momentos, decididos a contalo (o deles e o dos demais) e resoltos por fin a poñerlle término.

domingo, 27 de mayo de 2018

Ojos y espías , de Tanya LLoyd

Imaxina que es unha persoa que intenta (necesita) pasar desapercibido: un perseguido pola xustiza, un espía, un axente encuberto, etc. Pois ben, anos atrás isto sería pan comido: tres pasaportes falsificados con distintas nacionalidades, varias partidas de nacemento de diferentes parroquias e mesmo credos, dúas perrucas e un bigote, algunas matrículas falsas de coche…e listo. 

 Pero neste mundo da era dixital (que vén ao caso dado que digitum significa dedo, e así é como nos sentimos todos constantemente: baixo a éxida dun índice acusador) tal obviedade parece unha verdadeira quimera.

 Porque existe o dereito á intimidade. Ou vai ser que non, xa que nin a persoa máis rica do mundo, ou a máis poderosa, pode nestes tempos manter oculta a súa identidade, a súa casa, a súa familia, os seus gustos e aficións, a súa vida… 

 Conseguir todos os teus datos é tan fácil que dá medo: están nas redes sociais (se non os metiches ti, xa se encargou o teu amigo, ese cretino ignorante que non ten un dedo de frente -véxase supra digitum- , ou a túa tía-avoa que acaba de mercar un cacho iphone e anda a ensinar a tododios o feitiños que son os seus sobriños… e de paso onde viven, fotos do colexio, lugar de vacacións, etc). E recorda: o que publicas na Web, queda aí para sempre. 

 Por outro lado, o teu Smartphone é un dispositivo GPS que rexistra automaticamente a túa ubicación en todo momento, e vai gardándoa a conveniencia. Calquera, e digo calquera (tamén os teus pais, babiola) poden saber onde andabas esa noite de graduación coas túas amigas (que en realidade chamábase Xosé Manuel e era do Masculino) ata altas horas da noite.

 E por último están os rastreadores, que recolectan información sobre as páxinas que visitas e sobre os teus dispositivos. Así elaboran un perfil detallado sobre ti e o que che interesa, para despois vender esa información a empresas de publicidade ou mesmo a gobernos e corporacións. Así poderán tervos controlados, adiantarse aos vosos gustos e necesidades, ou investigarvos antes de ser contratados ou tras un despido. E as autoridades sábeno e non fan nada.

 Non estamos en boas mans, rapaces, tédeo por seguro. Así que espabilade, informádevos. Pódense facer moitas cousas para salvagardar a nosa vida privada, por exemplo ler e recomendar a lectura de Ollos e espías de Tanya Lloyd ou de 1984 de George Orwell, esta última unha novela de 1949 na que recoñecemos esa ditadura moderna do Gran Hermano que todo o controla. 

 Podes consultar a páxina do Instituto Nacional de Ciberseguridad de España: Ou esta: https://privacidadglobal.com/seguridad-internet-menores/