Mostrando entradas con la etiqueta Mitoloxía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Mitoloxía. Mostrar todas las entradas

martes, 4 de junio de 2024

El silbido del arquero, de Irene Vallejo

 El silbido del arquero de Irene Vallejo é unha obra na que se mestura mitoloxía, historia e unha narrativa profundamente poética. A autora ofrécenos nesta novela unha reinterpretación  do mito de Eneas, o heroe troyano.

A historia segue a Eneas na súa viaxe épica despois da caída de Troia, na súa procura dun novo fogar e un novo destino. Vallejo non só recrea os eventos lendarios que envolven a Eneas e o seu séquito, senón que tamén explora as emocións, os dilemas e as relacións persoais dos seus personaxes cunha profundidade que os fai incriblemente humanos e próximos.

Un dos aspectos máis destacados de  El silbido del arquero  a habilidade de Irene Vallejo para tecer unha prosa lírica e elegante. O seu estilo é rico en imaxes e metáforas, logrando unha atmosfera que transporta ao lector a un mundo antigo, cheo de deuses caprichosos, heroes valentes e paisaxes exóticas. A narrativa flúe cunha cadencia case musical, facendo que a lectura sexa unha experiencia sensorial e emocionalmente intensa.

Os personaxes, especialmente Eneas, están marabillosam
ente delineados. Eneas non é presentado simplemente como un heroe lendario, senón como un home que enfronta as súas propias dúbidas, medos e responsabilidades. A súa viaxe é tanto físico como espiritual, e Vallejo captura esta dualidade cunha sutileza que enriquece a narrativa. 

A autora tamén mostra un profundo respecto e coñecemento polas fontes clásicas, como a Eneida de Virgilio, pero non se limita a elas. Vallejo achega a súa propia visión e reinterpretación, o que dá á novela unha frescura e orixinalidade que a distingue doutras obras baseadas en mitos.


miércoles, 28 de abril de 2021

Un hilo me liga a vos, de Beatriz Giménez de Ory


Dende tempos inmemoriais a mitoloxía grega ten sido unha fonte inesgotable de recursos para a cultura en xeral. E non só para as artes e as letras, senón tamén, e cada vez máis, para a ciencia, con denominacións de enfermidades, fitónimos, elementos químicos, topónimos ou obxectos de todo tipo na vida cotiá que derivan dos nomes de deuses e heroes. 
 Por este motivo sempre consideraremos oportuno que o noso alumnado se ilumine con esas lecturas guiadas a través dun tempo mítico cuxas ensinanzas son universais e intemporais, dado que todos os mitos son narracións fundamentais que intentan dar respostas ás grandes preguntas da humanidade. 

 Por iso recomendamos o libro de Beatriz Giménez, que rezuma audacia en prosa e verso. Os mitos, neste caso, amósanse ben vencellados ás ilustracións e aos poemas como un todo, e iso o alumnado percíbeo. Deste xeito, foron quen de disfrutar moito coas lecturas e coas imaxes, descubrindo heroes e heroínas, monstros e divinidades que falan de amores e desamores, de rivalidades e de tristuras. E fiando, fiando, sobre todo, como di a autora, neste libro descubrirás que en realidade fala de ti.

miércoles, 1 de noviembre de 2017

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas


Verne non necesita ser ficcionado, pois a ninguén se lle escapa que el xa foi en vida un personaxe de novela: viaxeiro incansable, explorador do mundo, aventureiro e visionario. Non precisamos velo como o gardián de segredos ancestrais en lugares ignotos, dado que a súa obra e a súa intuición nos abruman e sorprenden.
Pero esas son as licencias literarias da imaxinación: pódese mesturar ficción e realidade a partes iguais, botar man de personalidades reais e inventadas,  de localizacións auténticas e ficticias. 
Na obra de Ledicia Costas resultan interesantes as referencias históricas (un dos seus personaxes, Antonio Sanjurjo, foi un inventor coruñés que probou con éxito un prototipo de submarino)  e a ubicación da narración en Vigo (Jules Verne visitou a cidade galega en varias ocasións) é un guiño aos lectores novos que resulta atinado.
Pero a historia trascende a realidade, e nun alarde de verdadeira inventiva verniana, Costas lévanos a illas máxicas acompañando a unha estirpe de mulleres fabulosas que derivarán en plantas (como Dafne
Dafne por Jakob Auer.
, como Mirra, como Sido…). Aínda que non nos quedaremos só en metamorfoses clásicas, pois a pretensión da autora ao longo das páxinas é ofrecer transformacións persoais de todo tipo, máxicas algunas, outras reais, onde todos podemos recoñecernos: o paso da infancia a madurez, a mudanza da amizade en amor, a conversión do temor en fortaleza…
En fin, unha homenaxe a Verne, que nunca está de máis, con firmes valores morais, aventura e lirismo.

E os fans dos xenios visionarios que visiten esta páxina e xa me vades dicindo…

lunes, 15 de junio de 2015

Mitos griegos

     Nun ano sen data, nun lugar non tan lonxano como podíades crer, librouse unha gran batalla polo dereito a ler mitos clásicos sen que ninguén nos molestase. Chegou o día, as tropas alineáronse, os deuses tomaron partido e axiña combatiron sen tregua as forzas do mal contra as forzas do ben nuha loita desigual. Porén, nen por un momento perdimos a esperanza, a pesares da fatiga e o sufrimento: ao fin, a luz impúxose sobre a escuridade e Eos, a dos dedos rosados, volveu para traer a claridade aos mortais, e con ela chegaron o entendemento e as boas ideas.
Disfrutamos este curso os de 4º da ESO co libro Mitos griegos de Castalia, que desenvolve cada relato concisamente pero dun xeito atractivo, apoiándose en modernas e orixinais ilustracións. O alumnado non deixou de amosar interese segundo ían percibindo que os mitos da Antigüidade seguían tan vivos no mundo moderno como antano. E así xurdiron unha serie de traballos sobre mitos e vida cotiá. 
Velaí algúns exemplos:

domingo, 8 de febrero de 2015

Andaínas de Pedro Chosco, de Pepe Carballude

        Unha historia, dúas, moitas historias nunha, os membros máis cativos das Estantigas non sabían como calificar este libro de aventuras chamado As andainas de Pedro Chosco. E non debe extrañarnos, porque cando os mitos entran na nosa vida, o tempo e o espacio distorsiónanse, xa non hai barreiras, e non sabemos dicernir o real do ilusorio: ese é o seu poder e o seu misterio. A natureza salvaxe de Galicia, a pouca que nos van deixando, préstase a tal encantamento, e o resto xorde da imaxinación desbordante dos nenos para os que nada é imposible. Ademais, como non van poder convivir as criaturas fantásticas connosco, se un abuelo as convida a entrar cos seus contos? 
      Falouse moito de mitos na reunión e, como proba da influencia que a mitoloxía ten na literatura, buscamos outras portadas, ademais da do noso libro, nas que apareceran os nomes dalgunhas criaturas lexendarias. Velaí algún exemplos:

jueves, 26 de junio de 2014

O corazón de Xúpiter, de L. Costas



O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas é o último libro que abordamos no club de lectura dos maiores e tamén o que suscitou un debate máis vivo sobre os temas nel tratados. Para os rapaces foi moi fácil identificarse cos personaxes, ao fin e ao cabo forman parte do mesmo microcosmos que eles: o da adolescencia.

Discutiron sobre as razóns de Isla, a protagonista, para confiar nunha persoa como Xúpiter ao que coñece só dun chat. As nenas pensaban que fora un pouco parva, pois “todo o mundo sabe que non te podes fiar de ninguén en Internet”; eles tamén chatean con descoñecidos, pero sen identificarse nin dar pistas de quen son (ou iso din). Tamén discutiron das razóns de Carballo para acosar á protagonista. “Si, deses tamén hai moitos nos institutos”, as rapazas recoñecían ter recibido improperios machistas dalgún rapaz !!!!. Admiraron os personaxes de Anxo e Mar, sobre todo esta última, valente para defender a súa homosexualidade, e tamén para dicir sempre o que pensa.
Poren, recoñeceron que no seu entorno había moitas máis Islas (elas mesmas se consideraban así) que Mar(es) (destas, máis ben pouquiñas), e que “A adolescencia é moi difícil”, concluíron.