Mostrando entradas con la etiqueta Ibsen. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ibsen. Mostrar todas las entradas

viernes, 5 de noviembre de 2021

Casa de Bonecas, de Henrik Ibsen

Este curso, no Club de 4º da ESO, comezamos cunha obra teatral, nada menos que Casa de Muñecas de Ibsen. 
 En Casa de Muñecas coñecemos a familia formada por Nora, Torvald e os seus tres fillos. Parecen unha familia feliz. Pero, a través dunha amiga de Nora, coñeceremos o segredo desta. 
 Gustounos a obra, pero sobre todo o cambio na personalidade de Nora, de ser sumisa, e insustancia en apariencia, a afirmarse, “empoderarse” por usar un termo máis contemporáneo. Sorprendeunos, por dicilo dalgún xeito, que Ibsen, ao fin e ao cabo fillo do seu tempo, escribira unha obra que case se pode considerar feminista, pois o personaxe de Nora preséntase cada vez máis forte, mentres que en paralelo, o seu marido pasa de ser o “sexo forte” a amosarse débil, pero iso si, aferrado ao seu papel patriarcal. 
 En definitiva, unha obra que recomendamos, sobre todo pola súa contemporaneidade, a pesar de que a obra foi escrita a finais do XIX, na que o autor fai unha crítica aguda ás normas matrimoniais desa época.
 Por Nesta, 4º ESO


lunes, 7 de marzo de 2016

Casa de muñecas, de H. Ibsen

Que revulsivo social debeu ser o estreo desta peza de teatro no Copenhague de 1879! Unha muller dunha familia burguesa educada para obedecer os mandatos dos homes da casa, rebélase na busca de si mesma! Estamos falando do século XIX? Pois si, fai máis de 140 anos e o tema da autonomía persoal ou liberdade individual da muller segue levantando ampolas. Máis actual do que nos gustaría. 

Nora, a protagonista, vive felizmente casada con Torvaldo e cos seus tres fillos nunha situación de mellora social, van ascender o seu home no banco no que traballa. Todo sería magnífico de non ser por un feito do pasado que condicionará o presente, un segredo polo que vai ser chantaxeada e criticada dentro do ámbito familiar e social. Esta situación leva a Nora a cuestionar cal é o seu papel como esposa, como filla e como madre, é dicir como muller da súa época. O desenlace é realmente sorprendente. 

Para o lector actual a evolución emocional da protagonista é demasiado rápida, precipitada, pero tamén é certo que o teatro ten as súas características propias para o desenvolvemento da acción, como por exemplo, o tempo da representación ou a típica estrutura tripartita de presentación, nó e desenlace . Non é unha novela, é parte do mérito na elección do xénero literario, pero permítenos ver con precisión o problema analizado e asómbranos o desenlace. Nun contexto social, ideolóxico, económico como o que rodeaba a Nora, a muller tiña un papel secundario, coidaba dos fillos, da casa, do marido … e todo era perfecto mentres non se formulara nada distinto e acatara de forma obediente o seu destino. Nesta obra, Nora tampouco houbera reaccionado de non poñerse de manifesto a ingratitude e o egoísmo do universo masculino que a rodea, que lle nega a condición de tomar decisións polo ben familiar e invadir así o rol masculino da resolución de calquera conflito familiar ou a protección dalgún dos seus membros, e moito menos dun varón. 

Magnífica obra de teatro de lectura fácil e amena, emocionante e de “parada” para a reflexión. Transcende a súa época e convértese nun texto fóra de tempo e espazo, un clásico.