Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

viernes, 26 de marzo de 2021

Ardalén, de Miguel Anxo Prado


O día 24 de marzo reunímonos o club de lectura de primeiro de bacharelato para realizar a último reunión do segundo trimestre e comentar o libro “Ardalén”, unha novela gráfica de Miguelanxo Prado publicada no 2012. 

 O título do libro é o nome dun vento que sopra dende o mar e que, segundo algunhas crenzas orixínase nas costas americanas. A través deste fío condutor, diferentes personaxes desenvolverán unha historia na que se entrecruzan as súas vidas. 

 O tema central da novela gráfica é a memoria: somos o que recordamos. Pero a memoria non é un rexistro obxectivo e inalterable. En “Ardalén”, Sabela intenta reconstruír a historia do seu avó Francisco, emigrante que marchou a Cuba deixando en Galicia a súa familia, por medio das lembranzas de Fidel, que vive nunha aldea de Lugo. Pero hai máis fíos, outras persoas, outras memorias, que se van entrelazando neste proceso de recuperación. Porque tamén somos o que os demais recordan de nós.

 Como comentamos, nesas memorias, propias e alleas, hai amor e cariño, pero ademais rancores e odios. Por iso recordar non é inocuo, pero quen non recorda, non vive. Ao mesmo tempo, “Ardalén” é un canto á natureza e un drama que ten que ver coa emigración de décadas pasadas, coa desconfianza cara aos estraños ou coa soidade da vellez. Está cargado de emoción e a historia tratada, lonxe de parecer tópica, sorprende nos seus momentos finais. O preciosismo no seu debuxo e os toques realistas que salpican todo o relato producen esta marabillosa obra. 

 Pareceunos a todas un relato fascinante sobre como os recordos poden configurar a nosa personalidade, con personaxes inesquecíbeis e a mestría dun dos mellores autores de cómic do noso país. Prado teceu unha historia salpicada de realismo máxico que queda plasmado grazas ao dominio dos pinceis, á expresividade dos seus personaxes e á cor tan viva que inunda as súas páxinas. Respecto a isto, fixemos varias aclaracións: a composición é sinxela, case sempre recorrendo a cinco viñetas cadradas de diferentes tamaños por folla, pero elixindo con coidado cando debuxar as máis grandes. 

 En conclusión, recomendamos a lectura desta novela gráfica xa que o guión desenvólvese paso a paso, sen grandes saltos, e dedicando unhas poucas páxinas en cada capítulo a episodios do pasado. Conforme vamos coñecendo o particular mundo de Fidel, aínda que teremos dificultades para diferenciar que é verdade, que recordo e que pura fantasía, vamos comprendendo novas cousas e as sorpresas sucédense con total naturalidade. Ao mesmo tempo, Prado introduce entre cada capítulo unha serie de documentos oficiais que revelan máis pistas sobre todo aquilo que se está a narrar, sementando a dúbida no lector de se está asistindo ou non a unha historia real, pero sempre cunha gran verosimilitude. 

Por  SOFÍA  (1º BAC)

martes, 19 de noviembre de 2019

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa

Un bestiario é un compendio de animais fantásticos e imposibles, produto da imaxinación e o medo ao descoñecido, que xa na Antigüidade clásica e na Idade Media servían como guía de coñecemento ante os posibles perigos que acechaban aos viaxeiros en terras ignotas, monstros terribles á espera de vítimas inocentes.
 Así mesmo, tamén na novela xuvenil de Antonio M. Fraga, un bestiario sérvelles aos dous rapaces protagonistas como guía na busca da súa identidade, a perda da infancia, os misterios da vida, as lealdades e a cultura.
 No Sanatorio de Oza, ese labirinto de Creta, pero con conserxe ao Harry Potter, atoparán unha mestra da República que reclama mellores orzamentos para a educación e menos aulas masificadas, tratando de inculcar o amor polos libros. Esa mestra existiu, chamábase Elvira Bao e o autor faille unha homenaxe, o mesmo que á científica Ánxeles Alvariño, de quen toma para a súa Anxos Nogueirosa a determinación e o carácter que debe ter todo investigador.
 E Galicia como decorado: os lugares existen, as historias tamén. Os mitos patrios e a historia do noso pobo seguen a ser unha referencia.