Mostrando entradas con la etiqueta Monforte de Lemos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Monforte de Lemos. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de junio de 2019

Roteiro monfortino

Coma todos os anos, o Equipo de Biblioteca organizou unha viaxe para todos os participantes nos clubs de lectura- cerca do 60% do alumnado do centro- como premio ao seu compromiso coa lectura en común. O destino deste curso foi Monforte e a Ribeira Sacra.

A mañá tivo un comezo literario. Enfronte do Colexio dos Escolapios está a  estatua que o Concello de Monforte dedicou a Manuel María que viviu nesta vila unha boa parte da súa vida. Aquí leron os rapaces algúns dos seus poemas:
O POEMA



"Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sinte odio e tenrura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posíbeis e imposíbeis,
súa, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza.
E nunca morre."

Como non podía ser doutra maneira, tamén homenaxearon a outra figura literaria moi vinculada a esta vila, o poeta Lois Pereiro. Na súa casa natal, diante dunha placa conmemorativa, fixemos a lectura dunha pequena escolma dos seus poemas.

REVISANDO OS DANOS

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.

         Nadal, 94

Rematado este roteiro literario, partimos cara a Belesar para subir no catamarán que nos mostraría a fermosísima paisaxe da Ribeira Sacra. Todos quedamos sorprendidos ao ver eses socalcos que tanto dificultan a recollida da uva e comprendemos porque lle chaman a esta actividade, “agricultura heroica”. Preciosa viaxe polo Miño onde o alumnado desfrutou dunha experiencia magnífica e sorprendente.
De volta a Monforte, e despois de comer os nosos bocatas e corretear polas súas rúas, puxemos ruta ao Museo do Ferrocarril, onde tiñamos concertada unha visita guiada que nos permitiu subir a un vagón de tren e facer unha cativa viaxe coma as de antes, chifrido do maquinista incluído. Moito nos gustou a todo o grupo esta parada nunha viaxe que chegaba ao seu fin.


Completo o día e completo un curso máis cheo de lecturas compartidas. Para o vindeiro marcaremos unha nova ruta.



FELICES VACACIÓNS E BOAS LECTURAS¡