Nesta ocasión falaremos do libro Juul, que trata dun tema moi delicado (o acoso escolar).
A súa lectura fíxosenos dura, pero a verdade é que pensamos que a pesar diso, esta historia debe ser contada.
Imaxe da cuberta |
O libro é un álbum ilustrado que conta a historia dun neno que é o obxectivo das burlas dos seus compañeiros e decide ir eliminado aquelas partes do seu corpo que provocan risa e desaprobación, ata acabar convertido nunha pelota de xogos. Cada páxina presenta unha nova mutilación, e a cada páxina que avanzamos, sentímonos peor e ímonos quedando máis e máis calados...
As páxinas do libro parecíannos moi frías, e os textos moi duros, pero pouco a pouco comprendemos por que estaba escrito así.
Ao final aparece Nora, unha nena que o acaricia, e devólvelle a palabra ao poñerlle un lapis na boca e darlle papel. Devólvelle a voz... e Juul pode contar o que lle pasou, e que foron as burlas as que o levaron a esa autodestrucción.
Sen darnos conta, tamén nós fomos recuperando a voz e puidemos contar cousas que nos fixeron dano, puidemos reflexionar sobre o estúpido do noso comportamento ás veces, e tamén sobre o fácil que é danar a un compañeiro... pero tamén sobre o fácil que é axudalo se nos comprometemos.
Juul autodestrúese para ser aceptado, para que o queiran, pero nunca é suficiente.
Agora xa sabemos que nunca debemos baixar por este camiño, porque este camiño leva a ningunha parte.
Reflexionar entre todos sobre os insultos, a autoestima e sobre todo, falar sobre o valor da diferencia, fíxonos pensar e repensar certas cousas... e tamén serviu para facernos algunhas promesas.
Clube de Lectura Inclusiva
No hay comentarios:
Publicar un comentario