Mostrando entradas con la etiqueta María Solar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta María Solar. Mostrar todas las entradas

martes, 28 de enero de 2025

A culpa, de María Solar

 

Na reunión de xaneiro falamos sobre a obra dunha autora galega, María Solar, coñecida sobre todo pola súa literatura xuvenil.
 Porén A culpa é un thriller psicolóxico, cuxa trama vai desenvolvéndose ao tempo que Mirta Gondar conta no seu diario segredos inconfesables e feitos desgarradores, e Amanda fai pescudas sobre a vida desa señora Gondar, unha perfecta descoñecida á que atendeu unha soa vez na entidade bancaria na que traballa, e da que, inesperadamente, é a súa herdeira. Case dende o principio o lector decátase de que hai algo que non cadra. 
 Mirta escribe para expiar a culpa. Séntese culpable dos crimes cometidos pola súa amiga Marcela. Algunhas opinamos que tampouco coñece todos os seus crimes porque, é Marcela responsable da morte do seu home e do seu fillo? A personalidade posesiva e controladora de Marcela fai pensar que así foi. 
O máis sorprendente é o final, sen dúbida, e non parece consecuente co carácter de Amanda, pero por diñeiro algúns chegan a facer calquera cousa.
 Recomendamos todas, sen dúbida, esta obra de lectura doada e trepidante.

martes, 18 de diciembre de 2018

O meu pesadelo favorito, de María Solar


“Estamos moi cerca de espertar cando soñamos que soñamos” 

( Novalis, escritor e filósofo alemán.)


O mércores, 5 de decembro, na biblioteca, fixemos a terceira reunión do club de lectura. Desta volta, limos O meu pesadelo favorito de María Solar que fora Premio Lazarillo no 2014.

Manuel, o protagonista, ten un irmán xemelgo, Anxo. Viven co seu pai porque a súa nai morreu nun accidente. Un día, Manuel enfermou por mor dun virus e a febre subiulle moitísimo. Para curalo, o veterinario receitoulle uns xaropes para cans e gatos, o que non deixa de ser un pouco surrealista. O principal efecto era que lle daban moito soño e moitos pesadelos! E iso é este libro: un conxunto de pesadelos!


Soña con Alicia, que non ten que ver coa Alicia do País das Marabillas, mais ben é o revés. Ela quere darlle bicos e por esa razón sae e entra dos seus soños. Aparecen tamén dous cans verdes, un alieníxena, dúas criaturas modificadas xeneticamente, un vendedor de olores, un bar de mentireiros e unha repartidora de bicos. E a máis febre…máis pesadelos!

As nosas opinións son variadas: para algúns, entretido e divertido; para outros, pouco interesante.. Todos coincidimos no acerto do final e na tenrura que nos transmitiu a caixa que gardaba “os bicos de mamá".

Esta vez botamos de menos non falar doutros temas relacionados coa lectura, pero pasámolo ben coas nosas galletiñas e os zumes “sen azucres engadidos”.

“Os que soñan de día son conscientes de moitas cousas que escapan aos que soñan só de noite”  (Edgar Allan Poe, escritor estadounidense)
Polo alumnado de 2º C

domingo, 15 de abril de 2018

Os nenos da variola, de María Solar

    Hai historias reais que superan a ficción, sucesos que ocorren unha vez cada mil anos, logros que están por riba da xente común.
   Se se entabla unha conversa nestes termos, e todos temos que facer reconto (nunca mellor dito), aparecerán no noso maxín retratos de aventureiros e de heroínas, imaxes de batallas gañadas ou arrebatadas e conquistas persoais ou comúns, engrandecidos todos eles polo paso do tempo.
   Pero quen se imaxinaría que uns pequenos abandoados, cheos de necesidade, algún deles mesmo sen nome - non hai maior oprobio para un ser humano -, puidesen ser os protagonistas dunha das maiores fazañas da humanidade? Iso si, a maior gloria da súa Maxestade, Carlos IV, que os reclutou nos hospicios galegos para transportar nos seus maltratados corpos a vacina da variola nunha época na que non había sistemas de refrixeración. 
   A Coroa española ofreceulles a eses nenos unha vida mellor por unha travesía que foi un inferno e unha viaxe polo continente americano que significou a morte para moitos deles. Ademais, dos que lograron salvarse, moitos regresaron a unha vida de miseria en orfanatos inmundos. 
Crédito: https://bit.ly/2HzUXSh 
   A Real Expedición Filantrópica de Balmis, o médico da corte real, (co apoio da rectora da Casa de Expósitos Isabel Zendal, que voluntariamente cuidou aos nenos naquela odisea) foi a primera expedición sanitaria internacional da historia, e o relato dos feitos non se pode contar mellor que o conta a escritora galega María Solar. 
   As vacinas seguen a salvar a vida de millóns de persoas no mundo, e con todo, recórdovos que o monumento a eses 22 heroes 
que se atopaba no dique de onde partiu en 1803 aquel barco en O Parrote, A Coruña, acaba de ser desplazado por unha escultura de catro metros da Virxe do Carme. Cousas veredes, Sancho amigo…

viernes, 24 de junio de 2016

O meu pesadel favorito, de María Solar

Ata o noso último empeño 
é só un soño dentro dun soño.
 E. A. Poe 

Que curioso iso de comezar o primeiro trimestre con Prohibido ler a Lewis Carroll e rematar o terceiro con O meu pesadelo favorito. Unha casualidade, e con todo un descubremento, porque as dúas historias da Alicia de Carroll e o relato de María Solar están enmarcados no mundo dos soños, algo que a rapazada percibiu sen ningunha dificultade, dando pé aos pertinentes comentarios.
 A imaxinación constrúe o mundo onírico e tamén forma o urdido da literatura, ambos están íntimamente enlazados…e polo tanto ás veces mestúranse. Quen non coñece O soño dunha noite de verán ou Rip van Winkle? Como imos pasar por alto que O extraño caso de Dr. Jekyll e Mr. Hyde de Stevenson ou o Frankenstein de Mary Shelley son produto de sendos pesadelos dos seus creadores? Un exercicio recurrente nas clases de literatura son os relatos dos soños. O alumnado lánzase con fervor á descripción dos anhelos e os temores forxados no maxín en noites insondables. Pero hai que ler para escribir, e qué mellor que os contos tradicionais.
Esperando que os disfrutedes, deixo aquí os enlaces para que poidades mergullarvos en dous contos oníricos antigos, o primeiro, “ Los dos que soñaron”, extraído de As Mil e Unha Noites e o segundo, “ El sueño infinito de Pao Yu”, de O soño do Aposento Vermello do escritor chino Tsao Hsue-Kin. Verdad que este último vos recorda a O meu pesadelo favorito por aquilo do soño dentro do soño, dentro do soño, dentro do soño..?