Mostrando entradas con la etiqueta Medioambiente. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Medioambiente. Mostrar todas las entradas

lunes, 3 de febrero de 2020

Basura, de Gerda Raidt

     Abres o libro e a imaxe impáctate: trátase dunha das vías para chegar ao cumio do Everest, a máis alta e a máis fermosa montaña do planeta. E daste de conta de que é un vertedeiro; os miles de alpinistas que alí chegan levan décadas acumulando 50 toneladas de varredura. 
O planeta xa non aguanta máis, e xa vai sendo hora de facer chegar á poboación, sobre todo aos cativos, os homes e mulleres do futuro, uns cantos datos que non coñecen ou non lles deixan coñecer.
O libro de Gerda Raidt é didáctico, ameno, magnífico. Explica de onde procede e a onde van os nosos desperdicios, se os ocultamos ou os reciclamos, e o por que de envíalos a outros países - aos pobres, claro- para que os nenos de alí enfermen, e non os nosos. O terrible das moreas de residuos no mar, no espazo, na Lúa. 
Pero o libro tamén presenta grandes oportunidades, o refugallo pode ser tamén un laboratorio para achegarnos á vida dos homes e mulleres prehistóricos e dos animais xa desaparecidos. En positivo, podemos ensinarlles ás novas xeneracións a importancia da reciclaxe, a conservación dos espazos naturais, a non proliferación do reboutallo radioactivo. Esta viaxe que nos propón a autora alemá é unha das últimas oportunidades que nos quedan, a pracenteira divulgación pedagóxica. Neste caso, un grito contra a negación. 

domingo, 14 de diciembre de 2014

Cine e Literatura: Na cerna da selva, de Pere Tobaruela

Para rematar o trimestre, limos un libro que nos remonta a unha realidade lonxana: África. Un continente moi descoñecido para a maioría do alumnado.
A través das peripecias de Xiao, o protagonista, achegámonos á historia de Ruanda, á súa espléndida xeografía, aos hetereoxéneos habitantes deste país tan atractivo, ás súas culturas e linguas... Da man de Dian Fossey, famosa investigadora da vida dos gorilas de montaña, coñecemos os perigos e as crueldades que padecen estes animais por parte dos cazadores furtivos e os intereses que moven o mercado negro.
É unha historia de descubrimiento, un rapaz de 16 anos atopa "na cerna da selva", o medo, a morte, a maldade e tamén o verdadeiro significado da amizade.
Que mellor película par acompañar esta breve pero inquietante novela que Gorilas en la niebla.
Con literatura, cine e un pouco de turrón rematamos esta primeira parte do curso.

martes, 18 de noviembre de 2014

La tierra de Ana, de J. Gaarder



  O xoves pasado, día 13 de Novembro, alumnos de 3º e 4º de ESO e de 1º de BAC xuntámonos, na nosa primeira reunión do club de lectura, para falar sobre o libro La Tierra de Ana de Jostein Gaarner.


  O libro repercutiu en cada alumno dun xeito distinto. Algúns notárono aburrido e interpretaron que a protagonista, Ana, era moi rara por terlle medo ao quentamento global. Pola contra algúns opinaron: "Hai que ter medo do quentamento global", xa que é un problema que nos afecta a todos. Tamén debatemos sobre unha das rarezas que se presentan neste libro, e é que hai un personaxe (referido sempre como "o rapaz árabe" ou "o mozo árabe") que aparece bastantes veces na novela e que aínda así non ten nome. Un de nós opinou que o árabe pode ser unha representación dos estranxeiros e que non recibe un nome posto que designa a unha colectividade, aos desherdados, aqueles cuxa voz non se escoita normalmente. Unha opinión que é aceptada pola maioría.


  A opinión á que máis ou menos chegamos é que o libro representa un intento de concienciar ao mundo da problemática do quentamento global. Aínda que fala tanto deste tema que chega a aborrecer. Por outra banda, tamén chegamos á conclusión de que a obsesión de Ana, a protagonista, por este suceso é comprensible, aínda que é unha obsesión demasiado grande.


  En definitiva, non nos gustou este libro. Non polo tema a tratar, que todos concluímos que era do máis interesante e preocupante, senón pola maneira de narralo. O libro estaba cheo de argumentacións científicas, ás veces repetitivas. Consecuentemente, no canto de implicarnos a nós como lectores na temática tratada logrou todo o contrario: alonxámonos do tema, non nos vimos implicados nel.


  Porén, todos estivemos de acordo en que a sensibilización respecto a depredación do ser humano sobre o medio era moi necesaria, nós mesmos sentímonos concernidos por el! Por iso, deixámosvos este enlace sobre o tema.
Por Miguel Burgo, 1º BAC