Mostrando entradas con la etiqueta Viaxes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Viaxes. Mostrar todas las entradas

viernes, 23 de junio de 2023

Actividade final: Viaxe á Mariña luguesa

 Como cada ano, co alumnado participante nos Clubs de Lectura fixemos unha viaxe que, tendo como fin a lectura e os libros, servise tamén para que a rapazada puidese pasar un día de actividades lúdicas.

Decidimos ir cara o Norte, cara a nosa costa luguesa, na procura de grandes poetas e escritores galegos e en galego, así pois a nosa primeira parada, non podía ser menos, foi en Mondoñedo. Alí, don Félix, custodio da Biblioteca do Seminario de Santa Catalina, amosounos e compartiu con nós a súa sabiduría así como a beleza e antigüidade dos pergaminos e libros, e a historia que se escondía neles. Os rapaces ficaron abraiados e conmocionados ante a perfección da Biblioteca, e deses libros, así como da minuciosidade dos seus autores. 

De alí, marchamos a seguir alimentando o noso espírito coa visita á simpar Igrexa de San Martiño de Mondoñedo. A Catedral máis antiga de España. A nosa guía, cunha linguaxe e asertividade próxima aos rapaces, desentrañoulles os misterios de dito templo, a interpretación e historias que se agochaban neses capiteis e pintura, marabillosos.

Despois de comer e mollar os pes na praia da Rapadoira, continuamos a nosa viaxe na Finca Galea, e alí admirounos a capacidade da natureza: auga e vexetación. Árbores milenarias, retorcidas a xeito de esculturas contemporáneas naturais, fontes máxicas que parecían flotar, e muíños de auga e pedra. 


domingo, 15 de abril de 2018

Os nenos da variola, de María Solar

    Hai historias reais que superan a ficción, sucesos que ocorren unha vez cada mil anos, logros que están por riba da xente común.
   Se se entabla unha conversa nestes termos, e todos temos que facer reconto (nunca mellor dito), aparecerán no noso maxín retratos de aventureiros e de heroínas, imaxes de batallas gañadas ou arrebatadas e conquistas persoais ou comúns, engrandecidos todos eles polo paso do tempo.
   Pero quen se imaxinaría que uns pequenos abandoados, cheos de necesidade, algún deles mesmo sen nome - non hai maior oprobio para un ser humano -, puidesen ser os protagonistas dunha das maiores fazañas da humanidade? Iso si, a maior gloria da súa Maxestade, Carlos IV, que os reclutou nos hospicios galegos para transportar nos seus maltratados corpos a vacina da variola nunha época na que non había sistemas de refrixeración. 
   A Coroa española ofreceulles a eses nenos unha vida mellor por unha travesía que foi un inferno e unha viaxe polo continente americano que significou a morte para moitos deles. Ademais, dos que lograron salvarse, moitos regresaron a unha vida de miseria en orfanatos inmundos. 
Crédito: https://bit.ly/2HzUXSh 
   A Real Expedición Filantrópica de Balmis, o médico da corte real, (co apoio da rectora da Casa de Expósitos Isabel Zendal, que voluntariamente cuidou aos nenos naquela odisea) foi a primera expedición sanitaria internacional da historia, e o relato dos feitos non se pode contar mellor que o conta a escritora galega María Solar
   As vacinas seguen a salvar a vida de millóns de persoas no mundo, e con todo, recórdovos que o monumento a eses 22 heroes 
que se atopaba no dique de onde partiu en 1803 aquel barco en O Parrote, A Coruña, acaba de ser desplazado por unha escultura de catro metros da Virxe do Carme. Cousas veredes, Sancho amigo…

sábado, 28 de mayo de 2016

Biblioteca con xardín

Seguindo a recomendación de Cicerón -“se tes unha biblioteca con xardín, telo todo”-, o Club de Lectura do IES Xoán Montes decidiu o martes 24 visitar Mondoñedo e Foz á procura de libros, arte e botánica. 
 Na primeira parada coñeceron a biblioteca do Seminario de Mondoñedo, cunha colección de incunables que para si a quixeran moitos arquivos urbanos. Despois Catedral e Cemiterio Vello, onde se rendeu cumprido homenaxe con versos e memoria aos ilustres xenios mindonienses que alí repousan.
 Pola tarde Castro de Fazouro, pena de tempo, porque o espectáculo é dos que non se esquecen: xa se sabe, non hai praias como as da Mariña lucense. 
A seguir, unha inmersión nun verxel de natureza e arte. O Espazo Caritel, a catro quilómetros de Foz, é moito máis que o taller e a sala de exposición das obras de Caxigueiro. Sen merma de categoría, o seu vasto xardín de centos de especies catalogadas revélase como un lugar de aprendizaxe e solaz, e como un bazar –polo exótico- onde o creador atopa inspiración e materiais para as súas obras. 
 Para finalizar, unha visita á catedral máis antiga da Península Ibérica, San Martiño de Mondoñedo, coas súas pinturas románicas, a súa historia e as figuras escatolóxicas que fixeron as delicias do alumnado. Non se pode pedir máis.

viernes, 15 de abril de 2016

Europa express, de A. Maceiras

Europa Express, de Andrea Maceiras, foi o libro que limos no club de lectura. A novela mestura o presente co pasado, a través de distintos flashback.
 Como moitos de nós soñamos con facer, un grupo de rapaces, ao final do bacharelato, Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía, toman o Interrail para viaxar por Europa. Toda unha aventura, coñecer diferentes países, sentirse adultos e libres, unha viaxe iniciática cara a madurez. Pero, á volta, todo cambia, hai unha traxedia, difícil de superar para todos, especialmente para Nico. De feito, é este quen exerce de fío condutor da historia, é el quen merca unha postal que lle fai revivir a viaxe cos seus amigos, e quen logra reunilos a todos, quen fai revivir os recordos para poder curar a ferida aberta dez anos antes.

 O libro gustounos moito, a pesar de que algúns pensaban que os personaxes eran moi estereotipados, moi “serie de televisión”: a “pija”, o descerebrado, a sensible, o nobre, … Pero, de calquera xeito, a novela chea de intriga, que crece pouco a pouco, é moi recomendable e interesante.

 Non sabedes o que é o Interraíl? Queredes coñecelo? Pois mirade este vídeo: 

domingo, 19 de mayo de 2013

Viaxamos con "Peaxes" e "Valentino Rifini e Âkil Pillabán, de viaxe en Milán"

No noso afán de seguir  coñecendo lecturas adecuadas para o noso alumnado neste mes de maio, escollemos dous que, desde xéneros literarios ben distintos, parecen responder aol tema de poñerse na pel doutro : unha novela,  Peaxes, de Santiago Lopo e unha obra de teatro , Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán, de Roberto Salgueiro.
Na primeira delas, durante unhas horas convértesche nun traballador dunha autoestrada quen , metido nesa urna de cristal e para vencer o aburrimento do seu traballo, imaxina as vidas dese discorrer continuo de condutores nos seus coches a través das escasas palabras que  pronuncian e da música que escoitan.
Unha novela moi áxil, entretida e  fresca que achega unha visión moi certeira sobre a sociedade contemporánea, con pasaxes poéticase con referencias clásicas  como este:
"Os que atravesan o mar para chegaren ata nés non pertencen a ningunha tripulación mitolóxica, aínda que sofren pobras que espantarían a calquera heroe clásico. Sinto un profundo respecto por estes argonautas modernos que xa non van á procura do vélaro de ouro dun carneiro, senón á busca do propio carneiro, para escorrentar a fame. A traxedia grega converteuse en traxedia africana, negra como a alma de moitos brancos(...)";
malia que a algunhas das lectoras non lles acabou de gustar o final.
Respecto da segunda, unha farsa moi adecuada para representar  co alumnado do primeiro ciclo, a acción transcorre en Italia no século XVIII, coinciden os nosos protagonistas: Valentino e Âkil, ambos os diferentes- pois pertencen a distintas culturas- pero semellantes as súas circunstancias, pois ambos foron abandonados polos seus amos e han de pasar a tarde-noite xuntos.  A pesar de todo iso, co paso das horas, a desconfianza, os prexuízos sociais van desaparecendo para demostrar ao  lector-espectador que todos somos iguais, independentemente da cor da túa pel ou da relixión que profeses.  En fin, unha obra moi divertida.