Na reunión de xaneiro falamos sobre a obra dunha autora galega, María Solar, coñecida sobre todo pola súa literatura xuvenil.
Porén A culpa é un thriller psicolóxico, cuxa trama vai desenvolvéndose ao tempo que Mirta Gondar conta no seu diario segredos inconfesables e feitos desgarradores, e Amanda fai pescudas sobre a vida desa señora Gondar, unha perfecta descoñecida á que atendeu unha soa vez na entidade bancaria na que traballa, e da que, inesperadamente, é a súa herdeira. Case dende o principio o lector decátase de que hai algo que non cadra.
Mirta escribe para expiar a culpa. Séntese culpable dos crimes cometidos pola súa amiga Marcela. Algunhas opinamos que tampouco coñece todos os seus crimes porque, é Marcela responsable da morte do seu home e do seu fillo? A personalidade posesiva e controladora de Marcela fai pensar que así foi.
O máis sorprendente é o final, sen dúbida, e non parece consecuente co carácter de Amanda, pero por diñeiro algúns chegan a facer calquera cousa.
Recomendamos todas, sen dúbida, esta obra de lectura doada e trepidante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario