A mañá tivo un comezo literario. Enfronte do Colexio dos Escolapios está a estatua que o Concello de Monforte dedicou a Manuel María que viviu nesta vila unha boa parte da súa vida. Aquí leron os rapaces algúns dos seus poemas:
O POEMA
"Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sinte odio e tenrura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posíbeis e imposíbeis,
súa, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza.
E nunca morre."
Como non podía ser doutra maneira, tamén homenaxearon a outra figura literaria moi vinculada a esta vila, o poeta Lois Pereiro. Na súa casa natal, diante dunha placa conmemorativa, fixemos a lectura dunha pequena escolma dos seus poemas.
REVISANDO OS DANOS
A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.
Nadal, 94
Rematado este roteiro literario, partimos cara a Belesar para subir no catamarán que nos mostraría a fermosísima paisaxe da Ribeira Sacra. Todos quedamos sorprendidos ao ver eses socalcos que tanto dificultan a recollida da uva e comprendemos porque lle chaman a esta actividade, “agricultura heroica”. Preciosa viaxe polo Miño onde o alumnado desfrutou dunha experiencia magnífica e sorprendente.
De volta a Monforte, e despois de comer os nosos bocatas e corretear polas súas rúas, puxemos ruta ao Museo do Ferrocarril, onde tiñamos concertada unha visita guiada que nos permitiu subir a un vagón de tren e facer unha cativa viaxe coma as de antes, chifrido do maquinista incluído. Moito nos gustou a todo o grupo esta parada nunha viaxe que chegaba ao seu fin.
Completo o día e completo un curso máis cheo de lecturas compartidas. Para o vindeiro marcaremos unha nova ruta.
Completo o día e completo un curso máis cheo de lecturas compartidas. Para o vindeiro marcaremos unha nova ruta.
FELICES VACACIÓNS E BOAS LECTURAS¡
No hay comentarios:
Publicar un comentario