lunes, 11 de diciembre de 2017

O Incrible caso de Barnaby Brocket , de Jhon Boyne

Receita caseira para problemas de discriminación 

 Se unha persoa sente frecuentemente a necesidade de medir aos demais polo modelo social imperante, ese que produce máis vítimas e infelicidade que as guerras, debe saber que se trata dunha afección moi común que pode ser atallada con remedios naturais caseiros ata erradicala para sempre. 


Se á patoloxía lle chaman “anormalidade” e presenta máis cabezas que a famosa Hidra - a anormalidade física (“que gorda te estás poñendo”), a social (“a onde vas con esas pintas?”), a vital (“30 anos e aínda non tes noivo?”), a moral (“non será que non che gustan os homes? Miña madriña!!!”) - o labirinto de posibilidades pasa a ser infinito. Ningunha persoa puido xamais cumprir con tantos requisitos de perfección: unha saúde envidiable, un adecuado benestar económico, unha estabilidade familiar perfecta, un recoñecemento social absoluto…Non existe a perfección, aínda que os mass media pretendan que comulguemos con rodas de muíño.

 Na obra O Incrible caso de Barnaby Brocket, John Boyne amósanos o verdadeiro rostro dunha traxedia mil veces agochada. En clave fantástica ese neno que flota representa a todos os cativos que son rexeitados polos seus país (e gran parte da sociedade) ante a evidencia de ser diferentes, anormais. 

 Pero o alumnado do club de lectura albiscou claramente a verdade: os anormais son aqueles que desprezan, que discriminan, que culpabilizan. Eses país que prefiren ocultar o problema, mesmo desfacerse del, poñen contra as cordas ao lector – somos o suficientemente fortes para afrontar determinadas complicacións na nosa existencia? Saberiamos nese caso dotar a un fillo das armas adecuadas coas que encarar unha vida chea de obstáculos? A resposta dos lectores cativos foi un rotundo si, avalando a firmeza do protagonista, que ao final decidiu convertir a súa diferencia en aptitude.

 Por iso, ante tanta barbarie e crueldade, dende o Club de Lectura recomendamos preparar unha infusión con respeto, cariño, empatía e boa educación. Unha vez feita, deixaremos reposar, e procederemos a lavados frecuentes de bocas e cerebros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario