Os Clubs de Lectura do Xoán Montes volvimos saír tralas pegadas dos escritores e escritoras que nos fan crer na ansia de imaxinar e de ir máis aló das nosas posibilidades.
Este ano tocou matemáticas, un campo agochado, case que secreto para a mayoría dos lectores cativos. E non é que non haxa libros, é que hai medo -ou respeto- por aquilo que se di de que as mates son difíciles ou aburridas. Pois nada máis lonxe da realidade, a literatura xuvenil sobre temas matemáticos ou sobre as persoas que as cultivaron, son amenas e, ás veces, trepidantes. Só hai que probar.
E con ese fin puxémonos en marcha. Primeiro, coñecer a alguna figura senlleira: apostamos polo matemático e gran astrónomo Ramón Mª Aller, visitamos a súa casa en Lalín, sorprendímonos co seu despacho e alucinamos co seu observatorio astronómico, o primeiro de Galicia, no que realizou sorprendentes descubrimentos.
A media mañá visitamos o Concello de Lalín, situado nun edificio senlleiro, moi moderno, que acadou varios premios de arquitectura. Os propios autores da obra remárcano como unha estrutura aberta, case un campo matemático cheo de curvas, porque as distintas construccións son redondas, a imitación dos nosos antigos castros. Alí se atopa tamén o Centro de Interpretación Castrodeza, un espazo que pon en valor a cultura castrexa, as formas de vida dos nosos antepasados e as lendas tradicionais. Esta visita resultoulles moi atractiva aos rapaces porque se achegaron ao pasado guiados por pantallas interactivas e salas de son e proxeccións múltiples que chamaron a súa atención.
A mediodía fomos a procura dun espazo verde para comer, e que menos que percorrer parte do famoso paseo fluvial de Lalín, onde atopamos frescor e acougo.
Pola tarde, fixemos dúas visitas moi interesantes, unha á Casa do Patrón, un museo etnográfico con trece salas de exposición distribuídas por tres edificios, onde se poden ver os antigos hábitos de vida dos nosos ancestros, oficios esquecidos, unha taberna, un forno o una forxa tradicional con todos os utensilios, ferramentas e enseres, tamén unha escola. O alumnado retrocedeu no tempo máis de cen anos e descubriron un mundo no que para conseguir algo, tiñas que facelo ti mesmo.
E o derradeiro periplo levounos a un sitio fascinante, o Pazo de Liñares, unha construcción restaurada do século XVII, casa natal do aviador Joaquín Loriga, que dende 2.014, baixo o nome de Espazo Liñares, funciona como un contenedor cultural multidisciplinar no ámbito galego. O pazo alberga o Museo Galego da Marioneta, con pezas incribles dos cinco continentes que levantaron a admiración dos cativos. O edificio en si é digno dunha visita, cos seus amplos salóns e a enorme lareira, pero a información que contén, tanto da restauración como da figura do gran aviador Loriga, convírteno nunha parada fundamental en calquera visita á comarca do Deza.
Quixemos ler entre liñas, si, as liñas do ceo e do tempo, os contornos da terra e as parábolas do pobo, o simbolismo das curvas e a maxestuosidade das rectas. O deseño da vida, vaia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario