A autora desta novela, Titania Hardie (Sidney, Australia) é unha exitosa escritora de libros fantásticos e infantís. Graduada en Psicoloxía e Literatura, é experta en esoterismo e numeroloxía. O labirinto da rosa é a súa primeira novela.
Italia, século XVII. Ante a súa inminente execución, o exitoso matématico e astrólogo inglés John Dee decide esconder os documentos nos que traballou toda a súa vida, convencido de que o mundo non está preparado para aceptar as súas avanzadas ideas.
Inglaterra, 2003. A poucos días da súa morte, Diana, última herdeira e gardiá do segredo de Dee, vese obrigada a elixir o destinatario de tan singular legado. Finalmente, decídese polo seu fillo menor, Will, que, intrigado pola pequena chave de prata e o vello pergamiño que lle foron legados, emprende unha viaxe por toda Europa en busca de respostas. Paralelalemente, Lucy King, unha moza australiana, pasa os seus días nun hospital de Londres, á espera dun transplante de corazón que ha de salvarlle a vida. Por un capricho do azar ou quizais por algo máis profundo, a súa vida e o seu destino quedarán inevitablemente unidos ao de Will e verase tamén inmersa na procura do misterioso legado. Con todo, non están sós nesta procura; as ideas do matemático atraen tamén a un grupo de fanáticos que non dubidarán en utilizar todas as malas artes ao seu alcance para facerse cuns documentos que, sen dúbida, cambiarán a percepción do mundo.
O labirinto da rosa é, sen dúbida, unha novela especial e podemos dicir que inclasificable. A medio camiño entre a novela negra, de intriga e, mesmo, romántica; fainos reflexionar sobre a obsesión do ser humano por atopar a verdade. Desenvólvese a través de dúas liñas temporais paralelas e quizais grazas a iso e aos seus xiros argumentais, é unha novela que logra atraparnos desde as primeiras liñas. Por Alba Rois González, 2º de BAC
No hay comentarios:
Publicar un comentario