Esta novela, escrita por George Orwell, cóntanos a historia dun grupo de animais que expulsan aos donos humanos da granxa. Deciden crear unha sociedade xusta e igualitaria. Pero a aparición de autoritarismos vai complicalo.
En xeral, a todos os do club gustounos a obra. O que máis chamou a nosa atención é a recreación que fai o autor da Revolución Soviética e a ditadura estalinista nesta sublevación de animais. A sátira está moi presente, o autor critica con ironía estes acontecementos.
Observamos tamén unha forte desaprobación a Stalin e o seu abuso do poder. No club mencionamos que George Orwell era un comunista convencido, e contrario a calquera ditadura.
A historia permítenos ver a transformación dun a priori estado igualitario, nunha tiranía por parte de quen manexa o poder.
Se falamos dos personaxes, a maioría representan unha figura coñecida ou unha clase social da Revolución. Atopamos facilmente a Lenin, Trotsky e Stalin; tamén sectores da poboación como a policía ou os campesiños. Son personaxes ben construídos, e con moitos deles empatizas.
Doutra banda, o estilo do libro é sinxelo e de fácil comprensión. Desde o principio engancha e déixache con ganas de continuar lendo.
O final sorprendeume, pero é idóneo para a novela e deixa bo sabor de boca.
En conclusión, recomendo moito esta lectura. Ademais de ser amena e divertida, aprendes historia con ela. E aínda que narre feitos pasados, as ansias de poder sempre serán un tema de actualidade.
Por Alba L. (1º BAC)