Aquí estamos, criando fillos e educando a rapazada nun mundo onde o pensamento está acotado por normas e gustos que críamos persoais, e que descubrimos máis tarde que cedo que responden a cánones, estereotipos e modas. Como te saias da norma, como teñas a menor eiva, serás a diana sobre a que os demais dispararán os seus dardos velenosos. Non importa saber quen es, senón que podes chegar a ter e como te ven os demais.
O libro de R.J. Palacio intenta retirar ese flequillo do que fala o protagonista, que non só serve para que non o vexan, senón tamén para tapar as cousas que non quere ver. Tampouco nosotros queremos ver, mellor que aparten a todas esas persoas cun síndrome que só afecta ao seu físico, que non se mesturen cos demais. Está claro que a súa soa presenza nos incomoda. Non vaia ser que falemos con eles e descubramos a unha persoa intelixente ou graciosa…ou normal. Como afirma o protagonista “os meus pais tampouco me ven como alguén normal. Para eles son alguén extraordinario”.
La lección de August impresionou aos lectores do Club, fíxolles pensar e sentir. Como adolescntes que son, recoñeceron que o aspecto físico é moi importante para eles e sentiron empatía co protagonista. Con todo, pareceulles pouco profundo - despois din por aí que a xente nova é moi superficial -, seguramente porque non hai un seguimento reflexivo da enfermidade, ou por esa familia demasiado amable, comprensiva e cariñosa. Eles intuían, e con razón, moitos máis problemas aínda na vida real.
En fin, o libro tráenos moitas reminiscencias de obras que non debemos deixar de recomendar, como O fantasma da ópera de Leroux, Frankenstein de Mary Shelley, O home invisible de H.G. Wells; tamén películas como O home elefante ou A parada dos monstros (ambas con personaxes reais), ou as máis recentes Videodrome, A mosca, Darkman, ou O cabaleiro escuro, que tratan sobre a desfiguración do ser humano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario