Seguindo a recomendación de Cicerón -“se tes unha biblioteca con xardín, telo todo”-, o Club de Lectura do IES Xoán Montes decidiu o martes 24 visitar Mondoñedo e Foz á procura de libros, arte e botánica.
Na primeira parada coñeceron a biblioteca do Seminario de Mondoñedo, cunha colección de incunables que para si a quixeran moitos arquivos urbanos. Despois Catedral e Cemiterio Vello, onde se rendeu cumprido homenaxe con versos e memoria aos ilustres xenios mindonienses que alí repousan.
Pola tarde Castro de Fazouro, pena de tempo, porque o espectáculo é dos que non se esquecen: xa se sabe, non hai praias como as da Mariña lucense.
A seguir, unha inmersión nun verxel de natureza e arte. O Espazo Caritel, a catro quilómetros de Foz, é moito máis que o taller e a sala de exposición das obras de Caxigueiro. Sen merma de categoría, o seu vasto xardín de centos de especies catalogadas revélase como un lugar de aprendizaxe e solaz, e como un bazar –polo exótico- onde o creador atopa inspiración e materiais para as súas obras.
Para finalizar, unha visita á catedral máis antiga da Península Ibérica, San Martiño de Mondoñedo, coas súas pinturas románicas, a súa historia e as figuras escatolóxicas que fixeron as delicias do alumnado. Non se pode pedir máis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario