miércoles, 9 de diciembre de 2020

Sabrina, de Nick Drnaso

 


Nesta primeira reunión do club de lectura de 1º de bacharelato sentámonos a debater sobre a novela ilustrada “Sabrina”, de Nick Drnaso. Unha novela realista, á vez que aterradora, pois nos ensina unha das facetas máis escuras da nosa sociedade.

No relato nárransenos os acontecementos ocorridos tras o secuestro e posterior morte de Sabrina, unha rapaza de vida relativamente normal ata o suceso. As únicas persoas realmente preocupadas polo seu paradoiro os días seguintes á súa desaparición eran os seus familiares máis achegados e o seu mozo, Ted; quen se traslada á casa do seu amigo Calvin nun estado de depresión extremo. Porén, o corpo de Sabrina é atopado e a noticia faise viral, tendo este feito graves repercusións psicolóxicas nas persoas máis implicadas no caso: Ted; Calvin; e os familiares de Sabrina, destacando a súa irmá.

Esta novela trata de ser un reflexo da crueldade da nosa sociedade ante estes casos, unha denuncia á inmediatez, ás conspiracións, aos medios de comunicación, ás redes sociais... e a todo o que conforma o noso presente. Vemos como a xente lle resta valor a un feito tan atroz por buscar respostas fáciles e rápidas, pois iso é ao que nos teñen acostumados: a respostas inmediatas; non a reflexionar sobre que estamos a facer como sociedade. Preséntansenos situacións de todo tipo, con personaxes de toda clase: persoas crentes nas conspiracións, medios de comunicación sensacionalistas, aqueles que se cren donos da verdade, outros que só buscan chamar a atención... E dentro de todo este caos están os protagonistas, persoas comúns intentando afrontar o seu duelo que se ven bombardeadas polos ataques desta sociedade frívola e carente de empatía. Mais ao final, como adoita acontecer, a xente atopa outro caso que comentar e esquécese de Sabrina; deixando aos nosos protagonistas sumidos en dor e cun duro futuro que enfrontar sen o seu ser querido.

Trátase dunha lectura difícil, que nos incita á reflexión e que nos deixa grandes ensinanzas; á vez que un forte desacougo no noso porvir. Como chegamos a esta sociedade? Por que o ser humano é tan cruel? Que estamos facendo mal? Son algunhas das preguntas que nos deixa esta moi recomendable novela gráfica.

Por Rachel, 1º Bac

No hay comentarios:

Publicar un comentario