Tomamos a broma aos nenos, mandámolos calar, ou peor, pechamos as súas bocas – e de paso o raciocinio – con aparatos electrónicos e realidade virtual. Non falamos con eles, non lles contamos o que pasa nin o que pasou e non lles inculcamos valores (os de sempre, home, que non hai que matarse moito).
Por iso o libro de Ana María Matute destaca entre todos os que temos lido este ano no Club de Lectura de 1º da ESO. Os personaxes son moi interesantes: un neno abandoado ao nacer, tres mulleres que o crían e un preso. Pero ningún deles son personaxes estereotipados. O neno non ten amigos nin vai á escola, as tías son tres irmáns con personalidades diferentes pero moi alonxadas dos arquetipos da época, e o preso é un tipo rudo de bon corazón.
As tías educan ao neno en liberdade, pero con límites e deberes. Cada unha delas intenta inculcarlle ao neno o que máis estiman: a cultura, a boa educación e o traballo. Con estes alicerces o futuro estará ben asentado. Se ademais engadimos o amor á natureza e aos animais, a solidariedade e moita imaxinación, esta novela infantil non deixa indiferentes aos lectores.
Para inculcar valores hai que falar moito cos fillos, procurando velos como interlocutores válidos. A iso referíase aquel xuíz arxentino.
E se non, os nosos cativos pensarán, igual que O Principiño, aquilo de que “as persoas maiores non poden comprender nunca por si mesmas, e é molesto para os nenos ter que darlles sempre explicacións”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario