O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas é o último libro
que abordamos no club de lectura dos maiores e tamén o que suscitou un debate
máis vivo sobre os temas nel tratados. Para os rapaces foi moi fácil
identificarse cos personaxes, ao fin e ao cabo forman parte do mesmo
microcosmos que eles: o da adolescencia.
Discutiron sobre as razóns de Isla,
a protagonista, para confiar nunha persoa como Xúpiter ao que coñece só dun
chat. As nenas pensaban que fora un pouco parva, pois “todo o mundo sabe que
non te podes fiar de ninguén en Internet”; eles tamén chatean con descoñecidos,
pero sen identificarse nin dar pistas de quen son (ou iso din). Tamén
discutiron das razóns de Carballo para acosar á protagonista. “Si, deses tamén
hai moitos nos institutos”, as rapazas recoñecían ter recibido improperios
machistas dalgún rapaz !!!!. Admiraron os personaxes de Anxo e Mar, sobre todo
esta última, valente para defender a súa homosexualidade, e tamén para dicir
sempre o que pensa.
Poren, recoñeceron que no seu
entorno había moitas máis Islas (elas mesmas se consideraban así) que Mar(es)
(destas, máis ben pouquiñas), e que “A adolescencia é moi difícil”,
concluíron.
No hay comentarios:
Publicar un comentario