jueves, 27 de junio de 2013

Roteiro Fiz Vergara

Como o prometido é débeda, este ano fomos facer o roteiro literario sobre a figura de Fiz Vergara Vilariño que non puidemos facer o ano pasado. O día 18 de xuño, despois do recreo, saímos nun bus camiño do val de Lóuzara, 15 alumnas e tres profes. Poemas do autor e trece intervencións escultóricas de artistas lucenses son a guía deste orixinal sendeiro . Este roteiro inaugurouse fai uns poucos anos e desde entón é visitado por diversos clubs de lectura e tamén por asociacións culturais. Natureza, arte e poesía danse cita nuns quilómetros de gran beleza. Despois de resolver os problemas da data, axeitada para todas e como colofón o traballo feito durante o ano, imos coñecer de primeira man a obra de Fiz Vergara. Fixo un día estupendo e disfrutamos dese “museo único o aire libre”. Ler a obra de Fiz na súa paixase, na súa casa, no seu río, na súa cova, enche o espírito dunha poesía e dunha emoción difíciles de trasmitir e comunicar. Non é doado atopar palabras para describir o silencio, a quietude da natureza, o ruído da fervenza ou o discorrer do río. As intervencións escultóricas están perfectamente integradas no conxunto natural, cada unha acompañada dun poema emblemático dese punto do camiño. Para todas foi un gran descobremento, especialmente para as alumnas, que nunca imaxinaron a fusión da arte, a natureza e a poesía, nin a enorme beleza do val de Lóuzara, unha xeografía descoñecida totalmente para elas. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario