sábado, 25 de junio de 2016

As zapatillas rotas, de X. Quiroga

É esta a quinta novela publicada por Quiroga, despois dalgunhas delicias narrativas como Era por setembro ou Atuado na braña. Toda a súa produción literaria comparte marcos narrativos ou preocupacións existenciais que logran conmover ao lector, ben por proximidade paisaxística, ben por experiencias vitais, ben por reflexións sobre a vida cotiá. 
Nesta obra publicada no 2014 e que recibiu o Premio da Crítica, trata moi diversos temas configurados ao redor da historia dun ancián e un home de mediana idade. A súa breve andaina, desenvolta nun marco temporal de poucos días, acolle, sen embargo, a historia dunha vida ou mellor de varias vidas, as dos seus protagonistas. O tempo interno ensancha ata os duros tempos da guerra civil e a posguerra. Unha historia presente e pasada, que desenvolta na zona da Ribeira Sacra, envolve unha peripecia vital onde o amor aboca os seus protagonistas a unha historia repetida, como se o fatum se apoderara de eles. Nesta obra o amor faise “maxia”.
 Moitas críticas, implícitas e, ás veces moi explícitas, aparecen recollidas nas súas páxinas. Destaca especialmente a que se fai aos medios de comunicación que terxiversan a realidade e buscan o máis morboso da situación, sempre co interese de acaparar a noticia. Pero tampouco libran a igrexa, os políticos, o trato á terceira idade, a crise, as axudas á dependencia… 
Dende o punto de vista formal,o léxico está moi coidado e mostra unha perfecta adecuación entre os personaxes e a súa forma de falar, son os diálogos unha maneira máis de caracterizalos. Destaca a tenrura coa que son tratadas Lola e Mirian, a anciá e a asistenta social. 
Estupenda novela para gozar este verán¡

No hay comentarios:

Publicar un comentario