lunes, 19 de diciembre de 2016

Aire negro, de A. Fernández Paz

Cóctel literario xuvenil en blanco e negro: como elaboralo
 Ingredientes:
 - Unha historia de amor
 - Un chisco de pasado misterioso
 - Outro de loucura
 - Dous de medo
 - Unha porta aberta ao horror
 - Un final arrepiante 

    Mestúrense convenientemente os ingredientes, é dicir, sen cortarse que son adolescentes, e sempre na dose axeitada ao consumidor, é dicir, canto máis amor e medo, mellor que mellor. 
    Se ademais enchemos o cóctel de referencias culturais e recomendacións literarias de clásicos inesquencibles: Conrad, Stevenson, Lovecraft ou Poe, entón temos a novela perfecta, unha receita pensada tamén para obter os sabores e cores, non só da paisaxe e o acervo cultural propiamente galaicos, senón tamén do subconsciente colectivo (a Besta=o Mal) fronte á ciencia e as súas explicacións psicolóxicas. Cada quen que elixa. 
    Agustín Fernández Paz sabe como facer ese tipo de mestura, e interesar -sempre instruíndo- aos máis novos, sendo como é un gran coñecedor do sentir xuvenil.
    Para o resto dos educadores (profesores e como non, pais) unha última recomendación: axítese con movementos envolventes e uniformes e difúndase entre a rapazada, que falta lles fai.

No hay comentarios:

Publicar un comentario