lunes, 7 de marzo de 2016

Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, de Ronseltz

   
Baixo este título, xa moi rechamante dende a portada, atopamos un poemario orixinal, ecléctico e divertido.
    Corría a década dos 90, cando un grupo de novos poetas galegos, Xoán C. Rodríguez, Serxio Iglesias, o Miguel A. Montes (Miki Nervio), Xabier Cordal e Manuel Cortés , empezaban a publicar a súa produción literaria en revistas como Ronsel. Posteriormente, baixo o nome de Ronseltz, (ron máis seltz) mostran unha escolma de poemas como froito dun traballo colectivo, xeracional ou, cando menos, de compañeiros de promoción. Non podemos identificar o autor de cada poema porque non están asinados, postura que insiste na idea dunha voz coral. 
   Estes autores teñen una formación filolóxica que apreciamos en moitos poemas, non só polos coñecementos adquiridos na súa andaina académica, senón tamén polas lecturas feitas ao longo da súa traxectoria persoal. O poemario é un percorrido mordaz, satírico e retranqueiro pola literatura galega, dende as cantigas (neotrobadorismo) ata autores contemporáneos, pasando polos movementos de vangarda ou os trazos fonéticos dalgunha zona ,como a gheada. Atopamos caligramas, chiscadelas ao refraneiro, imaxes, xogos cos recursos literarios máis ortodoxos… e todo baixo a lupa do humor máis acedo.
   Un poemario que ben podía cumprir o papel de guía pola nosa literatura para os estudantes, con humor, sen corsés, de forma divertida, sen por iso esquecer o peso do culturalismo deste exemplar literario.
 Dous poemas para abrir boca.
 Barcarola 
Que hai mariñeiro no fondo da alma?
 Que levas nos ollos espellos do mar?
 - Maraghota!

Galiza 
Todo na miña terra é paisaxe 
Menos traxe,
 paxe
 e garaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario