Que revulsivo social debeu ser o estreo desta peza de teatro no Copenhague de 1879! Unha muller dunha familia burguesa educada para obedecer os mandatos dos homes da casa, rebélase na busca de si mesma! Estamos falando do século XIX? Pois si, fai máis de 140 anos e o tema da autonomía persoal ou liberdade individual da muller segue levantando ampolas. Máis actual do que nos gustaría.
Nora, a protagonista, vive felizmente casada con Torvaldo e cos seus tres fillos nunha situación de mellora social, van ascender o seu home no banco no que traballa. Todo sería magnífico de non ser por un feito do pasado que condicionará o presente, un segredo polo que vai ser chantaxeada e criticada dentro do ámbito familiar e social. Esta situación leva a Nora a cuestionar cal é o seu papel como esposa, como filla e como madre, é dicir como muller da súa época. O desenlace é realmente sorprendente.
Para o lector actual a evolución emocional da protagonista é demasiado rápida, precipitada, pero tamén é certo que o teatro ten as súas características propias para o desenvolvemento da acción, como por exemplo, o tempo da representación ou a típica estrutura tripartita de presentación, nó e desenlace . Non é unha novela, é parte do mérito na elección do xénero literario, pero permítenos ver con precisión o problema analizado e asómbranos o desenlace. Nun contexto social, ideolóxico, económico como o que rodeaba a Nora, a muller tiña un papel secundario, coidaba dos fillos, da casa, do marido … e todo era perfecto mentres non se formulara nada distinto e acatara de forma obediente o seu destino. Nesta obra, Nora tampouco houbera reaccionado de non poñerse de manifesto a ingratitude e o egoísmo do universo masculino que a rodea, que lle nega a condición de tomar decisións polo ben familiar e invadir así o rol masculino da resolución de calquera conflito familiar ou a protección dalgún dos seus membros, e moito menos dun varón.
Magnífica obra de teatro de lectura fácil e amena, emocionante e de “parada” para a reflexión. Transcende a súa época e convértese nun texto fóra de tempo e espazo, un clásico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario