Nesta asemblea do club de lectura de 4º da ESO e 1º de BAC reunímonos para comentar a novela gráfica “Thornhill” da autora Pam Smy.
A trama intercala presente e pasado para contarnos unha historia de bullying. Preséntansenos dúas protagonistas femininas con vidas similares: ambas séntense soas e abandonadas e carecen de amizades. A primeira, Mary, é unha rapaza orfa que sofre abusos por parte das súas compañeiras de orfanato. Os seus únicos momentos de paz son aqueles en que confecciona as súas marionetas, as cales son as súas únicas amigas. A súa historia coñecerémola a través dun diario. Despois está Ella, cuxa historia coñeceremos a través de ilustracións. Ao comezo da novela múdase preto do orfanato; xa abandonado. Dende ahí irá descubrindo a vida de Mary...
Ao comezo, a trama avanza lentamente e dásenos tempo de coñecer os personaxes, o cal foi bastante acertado en canto a que amosaba de forma realista o que sofre unha vítima de bullying. Achegándonos ao final a historia decae, xa que se sinte moi precipitado e pouco argumentado. Un factor moi importante da historia foron os adultos, que se mostran ausentes e carentes de empatía. Algúns, como a profesora ou Kate, ven o que está a pasar, pero deciden non inmiscirse porque Mary nunca pide axuda e non queren problemas. Tamén destaca o pai de Ella como unha figura adulta ausente. Isto sustenta, de certa forma, a decisión final dela. Por último, fai falta mencionar á acosadora, quen ten unha trama inconclusa. Porén, esta foi unha decisión acertada, xa que deixa lugar ás interpretacións que lle queira dar o lector; sen enaltecer ou condenar a ninguén.
En resumo, a obra tivo un bo comezo, mais foi decaendo conforme se achegaba ao seu final. A representación dos personaxes, sobre todo dos adultos, foi un dos seus mellores puntos e axuda a que o lector sinta empatía coa situación que se está a vivir.
Un libro recomendable para aqueles que ven máis aló da historia.
Rachel, 4º ESO