domingo, 1 de julio de 2018

Marineda City

   Como broche final deste Club de Lectura 2017-2018 decidimos ir visitar a cidade de A Coruña. Por unha parte, pareceunos interesante que o alumnado coñecese a Real Academia da Lingua Galega (por fin unha foto no móbil do sitio de onde sae o diccionario da RAG, ese co que nos dan a lata sempre os profes…) e de paso visitar a Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán no pazo familiar que comparte sede coa Academia.

   Por tratarse dunha doble cita coa cultura, a visita subdividiuse en dúas etapas, unha charla sobre a historia da institución e un percorrido pola decimonónica morada da Pardo Bazán. Na primeira os alumnos recibiron información axeitada ás súas idades e apreciaron a colección de obxectos varios doados polos membros da Academia (os cabelos de Rosalía de Castro leváronse a palma). Pero na segunda, quen o ía pensar: que descubrimento, señoras e señores!! que ansia de sabiduría!! Eses ollos abertos de par en par, ese codazo intercostal entre risas varias ante a pregunta clave da visita á casa de Emilia Pardo Bazán: coñecedes Marineda city, verdade? Pois claro - prontos a respostar- cómo non ían coñecer eles, o noso alumnado adolescente, esa Meca do consumismo total, o máis cercano ao ceo que os seus pobres espirítos foran quen de imaxinar. Case lles pareceu mal a pregunta. Pero, ao final, coa intervención do guía iso deu un bon rédito : Marineda era como lle llamaba a afamada escritora á cidade de A Coruña nos seus relatos. Agora xa tiñan unha nova visión pardobazaniana. E iso que as coordinadoras xa lles faláramos da importancia da súa figura nas letras hispanas, de que foi unha muller avanzada á súa época, feminista, a primeira corresponsal no estranxeiro e a primeira catedrática nunha universidade española. Pero cegados ante tanto fasto e ostentación, o noso empeño foi como loitar contra muíños de vento.


Agora ben, fixemos moito máis na Coruña: visitamos o Castelo de San Antón - nunca antes viran os alumnos unha fortificación-, co seu Museo Arqueolóxico, comimos no parque da Torre de Hércules, subimos ao faro romano máis antigo do mundo, o único que se conserva en activo, e descubrimos que o gran Picasso viviu en Coruña entre 1891 e 1895. Seguimos as súas pegadas visitando a Casa-Museo, onde se conservan os materiais cos que pintaba, as estancias e as reproduccións dos seus cadros e os do seu pai. Por último, xogamos no piso superior ás adiviñas (cos cadros do xenial pintor, claro) e as risas xuvenís mesturáronse co exotismo e a fantasía na ruta dos edificios modernistas do ensanche coruñés, que puxeron un rutilante broche á nosa estadía na capital herculina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario