miércoles, 25 de noviembre de 2015

84, Charing Cross Road, de Helen Hanf

Martes, 24 de novembro.
Hora da merenda.
Exquisiteces culinarias.
Biscoito de froitas de tempada (noces e mazás)
Flan de requeixo e leite condensado.
Dúas "mestras" reposteiras, Luisa e Inma.
Club de lectura ou club gastronómico?
Quizais "gastrobook"?
Un club "5 estrelas".
84, Charing Cross Road, de Helen Hanf súmase ás delicias da tarde. Un libro epistolar vivo, inxenioso, espontáneo, divertido...
Non naceu este texto con vocación de ser publicado porque é a correspondencia real entre unha escritora americana, ávida de saber e ler, e o seu libreiro, alén o océano.
Unha parella, inicialmente antagónica, (a orde fronte á improvisación; a pulcritude fronte á espontaneidade; o home fronte á muller; a americana fronte ao inglés;a familia fronte á soidade) que se vai aproximando ata estreitar lazos de sinceira amizade e complicidade. A relación mercantilista, de compra-venda de libros a distancia, tórnase nunha entrañable relación que se estende a outros empregados da libraría e tamén aos membros da familia de Frank Doel, incluída unha anciá veciña . A natureza desta metamorfose implica cambios de rexistro lingüístico no tratamento epistolar, mostras de solidariedade de Helen na dura posguerra inglesa na que está ambientada a historia...
Todo ao servizo do verdadeiro "leitmotiv" do texto: o amor profundo polos libros. Bibliófila e lectora, Helen é unha muller apaixonada pola historia, pola filosofía e pola literatura cunha insaciable sede de coñecemento.
Atopamos entre as liñas deste orixinal libro o humor, sarcasmo ás veces, da protagonista, así como a crítica velada á cultura americana ou a ironía da vida na historia de Helen.
Lectura fresca, breve, que reivindica o papel do libreiro como conselleiro e conseguidor de xoias librescas e consagra a súa autora como unha mestra "involuntaria" do xénero epistolar. Vinte anos de correspondencia que o lector disfruta letra a letra.

viernes, 20 de noviembre de 2015

La música del azar, de P. Auster

Un curso máis o club de lectura de adultos do noso centro comeza a súa andaina lectora na procura de novos camiños literarios. Volven, entrañables e amenas, as xuntanzas dos martes polas tardes arredor dun café e duns doces cargados de azucre e de agarimo, de coco e fraternidade, de lambonadas e pleitos literarios. 

 
Abrimos o ano cun libro de Paul Auster, La música del azar, que sen ser unha das súas obras de máis sona, é un libro que ben reflicte o imaxinario do seu autor. Somos donos do noso destino ou é o azar, o fatum, quen dirixe os nosos pasos na vida? É o diñeiro un elemento liberador na procura dese ansiado soño americano? Son as estradas que percorren os EE.UU unha metáfora da existencia humana? Formulámonos estas e moitas outras cuestións, mentres Jim Nashe, o protagonista, dá un xiro radical a súa vida. "Por azar" recibe unha herdanza inesperada que lle permite conducir un coche recén adquirido que se convirte no epicentro dun camiño sen retorno onde atopa  a outros personaxes perdidos ou desorientados.
Situacións kafkianas, mans de cartas onde se pon en xogo toda unha existencia, millonarios excéntricos que habitan unha casa misteriosa, muros que aíllan vidas ou sons dunha música cautivadora e purificadora, son elementos que conviven nunha novela entretida e recomendable na que o lector pecha as portas entreabertas que lle deixa o seu autor.

jueves, 19 de noviembre de 2015

El asesinato del profesor de Matemáticas, de J. Sierra i Fabra

Este libro é moi divertido e á vez aprendes moito.
 Trata dun grupo de tres amigos que son malos nas matemáticas e suspenderon un exame. O profesor fala con eles e lles da outra oportunidade pero é un tanto peculiar... pero moi divertida.
Os tres amigos vivirán unha aventura detectivesca onde terán que ir solucionando problemas co uso das matemáticas e acertixos de lóxica.
 A min gustoume moito, aínda que non leo este tipo de novelas, foi moi divertida e aprendín uns trucos moi chulos! Recoméndovola. 
Por Carmen, 2º ESO