Un curso máis o club de lectura de adultos do noso centro comeza a súa 
andaina lectora na procura de novos camiños literarios. Volven, 
entrañables e amenas, as xuntanzas dos martes polas tardes arredor dun 
café e duns doces cargados de azucre e de agarimo, de coco e 
fraternidade, de lambonadas e pleitos literarios. 
Abrimos o ano cun libro de Paul Auster, La música del azar, que
 sen ser unha das súas obras de máis sona, é un libro que ben reflicte o
 imaxinario do seu autor. Somos donos do noso destino ou é o azar, o 
fatum, quen dirixe os nosos pasos na vida? É o diñeiro un elemento 
liberador na procura dese ansiado soño americano? Son as estradas que 
percorren os EE.UU unha metáfora da existencia humana? Formulámonos 
estas e moitas outras cuestións, mentres Jim Nashe, o protagonista, dá 
un xiro radical a súa vida. "Por azar" recibe unha herdanza inesperada 
que lle permite conducir un coche recén adquirido que se convirte no 
epicentro dun camiño sen retorno onde atopa  a outros personaxes 
perdidos ou desorientados.
Situacións kafkianas, mans de 
cartas onde se pon en xogo toda unha existencia, millonarios excéntricos
 que habitan unha casa misteriosa, muros que aíllan vidas ou sons dunha 
música cautivadora e purificadora, son elementos que conviven nunha 
novela entretida e recomendable na que o lector pecha as portas 
entreabertas que lle deixa o seu autor.
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario