Cando no mes de marzo os alumnos de 3º comezaron a ler esta historia, un día en metade dunha clase me espetaron: “Este libro que estamos lendo, non ocorreu, non é real, verdade?” Desconcertada por completo ante tan inesperada e inoportuna pregunta non souben que responder. Se lles dicía que estaba inspirada nuns feitos reais como a vida mesma, non ían querer seguir lendo sobrepasados pola historia desgarradora do pequeno protagonista, así que optei por orientalos cara ao gozoso da lectura e aprazar o resto para a xuntanza posterior. Feito este paréntese, a lectura individual rematou renegando a todas horas do cruel final e do mal que acababa porque o pequeno non podía seguir coa súa actividade.
Chegado o momento de conversar conxuntamente sobre as súas impresións, chegou o momento tamén de descubrir quen era realmente o noso protagonista. Un mundo novo apareceu naquela sesión: toda a súa percepción apocalíptica do que sucedía entorno a Iqbal Masih mudou nunha enorme admiración, e os éxitos obtidos e os camiños abertos por este neno para outros nenos do mundo triunfou sobre o final desta apaixonante lectura. Todo era interesante: como era posible que a súa familia o vendera para celebrar unha voda, como se pode sobrevivir nun mundo tan hostil, como puido escapar do taller, como chega a Europa a denunciar a realidade das alfombras…
Este debate deu para moito, sobre todo porque cada resposta nos levaba a un documento no que buscar a información desexada, avivou a necesidade de saber por eles mesmos quen era realmente este neno e se o que leran coincidía realmente co que o autor do libro lles contara. Non foi fácil introducir o tema da ficción literaria, pero finalmente o punto de vista multiperspectivista da narración axudou a que diferenciaran, ou iso creo, entre realidade e ficción.
Se tivéramos que escoller dúas palabras para resumir esta experiencia lectora, sen dúbida serían “descubrimento e emoción”.