domingo, 27 de mayo de 2018

Ojos y espías , de Tanya LLoyd

Imaxina que es unha persoa que intenta (necesita) pasar desapercibido: un perseguido pola xustiza, un espía, un axente encuberto, etc. Pois ben, anos atrás isto sería pan comido: tres pasaportes falsificados con distintas nacionalidades, varias partidas de nacemento de diferentes parroquias e mesmo credos, dúas perrucas e un bigote, algunas matrículas falsas de coche…e listo. 

 Pero neste mundo da era dixital (que vén ao caso dado que digitum significa dedo, e así é como nos sentimos todos constantemente: baixo a éxida dun índice acusador) tal obviedade parece unha verdadeira quimera.

 Porque existe o dereito á intimidade. Ou vai ser que non, xa que nin a persoa máis rica do mundo, ou a máis poderosa, pode nestes tempos manter oculta a súa identidade, a súa casa, a súa familia, os seus gustos e aficións, a súa vida… 

 Conseguir todos os teus datos é tan fácil que dá medo: están nas redes sociais (se non os metiches ti, xa se encargou o teu amigo, ese cretino ignorante que non ten un dedo de frente -véxase supra digitum- , ou a túa tía-avoa que acaba de mercar un cacho iphone e anda a ensinar a tododios o feitiños que son os seus sobriños… e de paso onde viven, fotos do colexio, lugar de vacacións, etc). E recorda: o que publicas na Web, queda aí para sempre. 

 Por outro lado, o teu Smartphone é un dispositivo GPS que rexistra automaticamente a túa ubicación en todo momento, e vai gardándoa a conveniencia. Calquera, e digo calquera (tamén os teus pais, babiola) poden saber onde andabas esa noite de graduación coas túas amigas (que en realidade chamábase Xosé Manuel e era do Masculino) ata altas horas da noite.

 E por último están os rastreadores, que recolectan información sobre as páxinas que visitas e sobre os teus dispositivos. Así elaboran un perfil detallado sobre ti e o que che interesa, para despois vender esa información a empresas de publicidade ou mesmo a gobernos e corporacións. Así poderán tervos controlados, adiantarse aos vosos gustos e necesidades, ou investigarvos antes de ser contratados ou tras un despido. E as autoridades sábeno e non fan nada.

 Non estamos en boas mans, rapaces, tédeo por seguro. Así que espabilade, informádevos. Pódense facer moitas cousas para salvagardar a nosa vida privada, por exemplo ler e recomendar a lectura de Ollos e espías de Tanya Lloyd ou de 1984 de George Orwell, esta última unha novela de 1949 na que recoñecemos esa ditadura moderna do Gran Hermano que todo o controla. 

 Podes consultar a páxina do Instituto Nacional de Ciberseguridad de España: Ou esta: https://privacidadglobal.com/seguridad-internet-menores/

No hay comentarios:

Publicar un comentario