O xoves pasado, día 13 de Novembro,
alumnos de 3º e 4º de ESO e de 1º de BAC xuntámonos, na nosa primeira reunión
do club de lectura, para falar sobre o libro La Tierra de Ana de
Jostein Gaarner.
O libro repercutiu en cada alumno dun
xeito distinto. Algúns notárono aburrido e interpretaron que a protagonista,
Ana, era moi rara por terlle medo ao quentamento global. Pola contra algúns
opinaron: "Hai que ter medo do quentamento global", xa que é un problema que nos afecta a todos.
Tamén debatemos sobre unha das rarezas que se presentan neste libro, e é que
hai un personaxe (referido sempre como "o rapaz árabe" ou "o
mozo árabe") que aparece bastantes veces na novela e que aínda así non ten
nome. Un de nós opinou que o árabe pode ser unha representación dos
estranxeiros e que non recibe un nome posto que designa a unha colectividade,
aos desherdados, aqueles cuxa voz non se escoita normalmente. Unha opinión que
é aceptada pola maioría.
A opinión á que máis ou menos chegamos
é que o libro representa un intento de concienciar ao mundo da problemática do
quentamento global. Aínda que fala tanto deste tema que chega a aborrecer. Por
outra banda, tamén chegamos á conclusión de que a obsesión de Ana, a
protagonista, por este suceso é comprensible, aínda que é unha obsesión
demasiado grande.
En definitiva, non nos gustou este
libro. Non polo tema a tratar, que todos concluímos que era do máis interesante
e preocupante, senón pola maneira de narralo. O libro estaba cheo de
argumentacións científicas, ás veces repetitivas. Consecuentemente, no canto de
implicarnos a nós como lectores na temática tratada logrou todo o contrario:
alonxámonos do tema, non nos vimos implicados nel.
Porén, todos estivemos de acordo en que
a sensibilización respecto a depredación do ser humano sobre o medio era moi
necesaria, nós mesmos sentímonos concernidos por el! Por iso, deixámosvos este enlace sobre o tema.
Por Miguel Burgo, 1º BAC
Por Miguel Burgo, 1º BAC