viernes, 16 de febrero de 2024

84, Charing cross road de HELENE HANFF

 Mentres o mundo tenta recuperarse da II Guerra Mundial, a guionista Helene Hanff –xudía residente en Nova York - escribe á librería Marks&Co para pedir libros difíciles de atopar no mercado. O libreiro Frank Doel respóndelle desde Londres con días, meses ou mesmo anos de atraso, proporcionándolle a Helene os volumes que esta lle solicita, e a partir dese momento establécese entre eles unha gran relación de amizade.

 


Estes feitos, sucedidos realmente, son os que recollen todas as cartas que conforman 84, Charing Cros Road. Cartas nas que Helene protesta polos libros que recibe, demanda exigentemente outros e fala sobre o seu traballo como guionista; cartas nas que Frank comunica as súas procuras e agradece toda a comida que recibe de Helene mentres o racionamento perdura no Reino Unido. Ao longo de toda a novela podemos ver como a relación entre Frank e Helene evoluciona, aínda que especialmente coñecémola en profundidade a ela pola súa maneira de facer os seus pedidos ou a indignación que sente pola pésima edición dalgúns volumes. E é que este é un libro de amor polos libros, con múltiples referencias en todas as cartas a autores clásicos e outros menos coñecidos e selectos da literatura universal. Helene adora os libros antigos, tenos xunto a ela todo o tempo e cando non os le sempre os toca e contempla a súa encadernación.

 Unha das cousas que máis nos gustaron no club de lectura de 1º de BAC foi esa relación entre os seus personaxes, que vai desde un punto inicial no que ningún dos protagonistas coñécese ata a afinidade que chegan a ter (Helene chama a Frank “amigo”, “Frankie”; a familia de Frank chega a establecer contacto con ela, e mesmo outros libreiros de Marks&Co agradécenlle os seus envíos de comida e ínstana a que faga unha viaxe a Londres para coñecerse). 

Helene Hanff (1916, Filadelfia, EEUU) decidiu axuntar todas as cartas que escribiu a Marks&Co durante máis de vinte anos para publicar esta novela. Fácil de ler, dinámica e breve, é unha boa lectura, como escribía a propia Helene a Frank Doel, “para as longas tardes invernais”.

Por Lucía, 1º BAC

No hay comentarios:

Publicar un comentario