viernes, 29 de abril de 2016

A cabeza da medusa, Marilar Aleixandre

A cabeza de Medusa foi o último libro que limos no club de lectura, e podo dicir que gustounos moito a todos. A obra de Marilar Aleixandre trata, dende un punto de vista moi realista, un deses temas de actualidade que tenden a esquecerse, sen adicarlles a máis mínima reflexión, e faite pensar ao respecto; este tema non é outro que a igualdade entre mulleres e homes.
 Lupe e Sofía son dúas pequenas que ao saír dunha festa de disfraces do seu instituto de madrugada son violadas nun camiño afastado. Durante os días seguintes ao suceso descubrirán que hai xente que as apoia, xente que as sobreprotexe, tamén hai quen as culpa do ocorrido e cobardes que non se atreven nin a miralas a cara, como a Medusa dos mitos. Pero, son elas as que deberían agochar a cabeza? Acaso son elas as culpables por andar “provocando”? Deberían sentirse avergoñadas de seren violadas?
 O machismo e a violencia de xénero aínda están presentes na nosa sociedade e é o noso deber acabar con eles, non debemos deixar estes temas de lado, por iso, se queres ler un libro interesante e de actualidade non busques máis e proba con este, non o lamentarás.
 Por María, 1º BAC


martes, 19 de abril de 2016

Universo Pitágoras, de Rocío Leira

É un libro  cuxo tema é o das matemáticas.  Unha nena chamada Xiana ten un exame de matemáticas, pero a noite anterior  ten unha serie de soños, que lle fan pasar por 7 mundos diferentes, todos con algo en común :as matemáticas.
Para pasar de mundo en mundo, deberá conseguir cada chave para abrir cada porta, a cal consegue tras pescudar unha adiviña matemática que lle expuxeron.
Este libro chamoume a atención pola súa maneira de ordenar os capitulos. Están desordenados, e ao final de cada capítulo tes que realizar unha adiviña que che dirá en que capítulo estas. 
Gustoume moito este libro, xa que conta unha historia fantástica e moi entretida. 
Por Celia, 2º ESO

viernes, 15 de abril de 2016

Europa express, de A. Maceiras

Europa Express, de Andrea Maceiras, foi o libro que limos no club de lectura. A novela mestura o presente co pasado, a través de distintos flashback.
 Como moitos de nós soñamos con facer, un grupo de rapaces, ao final do bacharelato, Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía, toman o Interrail para viaxar por Europa. Toda unha aventura, coñecer diferentes países, sentirse adultos e libres, unha viaxe iniciática cara a madurez. Pero, á volta, todo cambia, hai unha traxedia, difícil de superar para todos, especialmente para Nico. De feito, é este quen exerce de fío condutor da historia, é el quen merca unha postal que lle fai revivir a viaxe cos seus amigos, e quen logra reunilos a todos, quen fai revivir os recordos para poder curar a ferida aberta dez anos antes.

 O libro gustounos moito, a pesar de que algúns pensaban que os personaxes eran moi estereotipados, moi “serie de televisión”: a “pija”, o descerebrado, a sensible, o nobre, … Pero, de calquera xeito, a novela chea de intriga, que crece pouco a pouco, é moi recomendable e interesante.

 Non sabedes o que é o Interraíl? Queredes coñecelo? Pois mirade este vídeo: 

lunes, 7 de marzo de 2016

Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, de Ronseltz

   
Baixo este título, xa moi rechamante dende a portada, atopamos un poemario orixinal, ecléctico e divertido.
    Corría a década dos 90, cando un grupo de novos poetas galegos, Xoán C. Rodríguez, Serxio Iglesias, o Miguel A. Montes (Miki Nervio), Xabier Cordal e Manuel Cortés , empezaban a publicar a súa produción literaria en revistas como Ronsel. Posteriormente, baixo o nome de Ronseltz, (ron máis seltz) mostran unha escolma de poemas como froito dun traballo colectivo, xeracional ou, cando menos, de compañeiros de promoción. Non podemos identificar o autor de cada poema porque non están asinados, postura que insiste na idea dunha voz coral. 
   Estes autores teñen una formación filolóxica que apreciamos en moitos poemas, non só polos coñecementos adquiridos na súa andaina académica, senón tamén polas lecturas feitas ao longo da súa traxectoria persoal. O poemario é un percorrido mordaz, satírico e retranqueiro pola literatura galega, dende as cantigas (neotrobadorismo) ata autores contemporáneos, pasando polos movementos de vangarda ou os trazos fonéticos dalgunha zona ,como a gheada. Atopamos caligramas, chiscadelas ao refraneiro, imaxes, xogos cos recursos literarios máis ortodoxos… e todo baixo a lupa do humor máis acedo.
   Un poemario que ben podía cumprir o papel de guía pola nosa literatura para os estudantes, con humor, sen corsés, de forma divertida, sen por iso esquecer o peso do culturalismo deste exemplar literario.
 Dous poemas para abrir boca.
 Barcarola 
Que hai mariñeiro no fondo da alma?
 Que levas nos ollos espellos do mar?
 - Maraghota!

Galiza 
Todo na miña terra é paisaxe 
Menos traxe,
 paxe
 e garaxe.

Casa de muñecas, de H. Ibsen

Que revulsivo social debeu ser o estreo desta peza de teatro no Copenhague de 1879! Unha muller dunha familia burguesa educada para obedecer os mandatos dos homes da casa, rebélase na busca de si mesma! Estamos falando do século XIX? Pois si, fai máis de 140 anos e o tema da autonomía persoal ou liberdade individual da muller segue levantando ampolas. Máis actual do que nos gustaría. 

Nora, a protagonista, vive felizmente casada con Torvaldo e cos seus tres fillos nunha situación de mellora social, van ascender o seu home no banco no que traballa. Todo sería magnífico de non ser por un feito do pasado que condicionará o presente, un segredo polo que vai ser chantaxeada e criticada dentro do ámbito familiar e social. Esta situación leva a Nora a cuestionar cal é o seu papel como esposa, como filla e como madre, é dicir como muller da súa época. O desenlace é realmente sorprendente. 

Para o lector actual a evolución emocional da protagonista é demasiado rápida, precipitada, pero tamén é certo que o teatro ten as súas características propias para o desenvolvemento da acción, como por exemplo, o tempo da representación ou a típica estrutura tripartita de presentación, nó e desenlace . Non é unha novela, é parte do mérito na elección do xénero literario, pero permítenos ver con precisión o problema analizado e asómbranos o desenlace. Nun contexto social, ideolóxico, económico como o que rodeaba a Nora, a muller tiña un papel secundario, coidaba dos fillos, da casa, do marido … e todo era perfecto mentres non se formulara nada distinto e acatara de forma obediente o seu destino. Nesta obra, Nora tampouco houbera reaccionado de non poñerse de manifesto a ingratitude e o egoísmo do universo masculino que a rodea, que lle nega a condición de tomar decisións polo ben familiar e invadir así o rol masculino da resolución de calquera conflito familiar ou a protección dalgún dos seus membros, e moito menos dun varón. 

Magnífica obra de teatro de lectura fácil e amena, emocionante e de “parada” para a reflexión. Transcende a súa época e convértese nun texto fóra de tempo e espazo, un clásico.

viernes, 19 de febrero de 2016

A derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila

A dúbida asalta o lector dende as primeiras páxinas deste orixinal relato. É Emma Olsen , a protagonista, unha escritora real que  Berta Dávila rescatou como inspiración para esta novela? É un personaxe de ficción con ambición de superar a verosimilitude? O lector queda atrapado nun xogo de perspectiva narrativa moi orixinal. Nos derradeiros días da súa vida, afectada por una enfermidade terminal, Emma decide voltar, en compañía da súa filla, á súa vila natal, Faith, unha cidade enclavada  no Medio Oeste norteamericano.
 O lugar de nacemento convértese nun lugar de confesión final antes da chegada dunha prematura  morte. Contribúe a revivir e a explicar os feitos que alí sucederon e que a protagonista necesita expiar.
De profesión escritora, Emma deixa así escrita a súa derradeira obra de carácter biográfico  cunha finalidade claramente catártica. Asistimos á descrición do lugar como o prototipo dunha monótona cidade americana na que parece que nada ocorre, que asfixia os seus habitantes de inacción, pero que promove paixóns incontroladas que levan á traxedia. As relacións  persoais na adolescencia, sobre todo a amizade con Clarissa, conceden á novela un toque íntimo e intimista. É a adolescencia tamén, a etapa na que a protagonista  descobre a Literatura da man do profesor Montana que a introduce na maxia da lectura e tamén da escritura. Todo este necesario “flash back” na vida de Emma está inzado de interesantes reflexións por parte da narradora e tamén dalgúns personaxes.
“Xa había tempo que comezara o curso, lémbroo ben porque o señor Montana e máis eu falamos naquela merenda dun libro de Anne Sexton que el me emprestara. É curioso como se recordan os libros con detalle cando se compartiron con alguén que significou algo para nós”
Unha lectura novidosa desde o punto de vista formal e interesante pola evolución psicolóxica dos personaxes que tecen unhas relacións complicadas e sorprendentes.

miércoles, 17 de febrero de 2016

El tío Petros y la conjetura de Golbach, de A. Doxiadis

O autor deste libro, Apóstolos Doxiadis (Australia, 1953), é un matemático e escritor grego. Comezou os seus estudos na Universidade de Columbia e, máis tarde, se graduó en matemáticas aplicadas ao sistema nervioso en París. Con todo, é máis coñecido pola súa faceta como director de cinema e novelista. Nas súas novelas combina ficción con temas matemáticos.
O protagonista deste libro é un mozo grego que descobre por casualidade que o seu ancián tío Petros ,que agora reparte o seu tempo entre o seu xardín e o xadrez e que é comunmente denominado como a ovella negra da familia,  foi no seu tempo un gran matemático; catedrático das mellores universidades e amigo dalgúns dos mellores matemáticos do século XX. 
A partir deste momento, o protagonista tentará desvelar o por que do retiro voluntario do seu tío e de que, a pesar do seu indubidable talento, non chegase a publicar nada relevante no campo da investigación matemática. Ao mesmo tempo, a súa fascinación polo seu tío lévao a intereresarse polas  matématicas. 
Con todo, o seu tío non está disposto a permitir o seu fracaso e pídelle que demostre unha aparentemente sinxela proposición matemática para determinar se ten realmente un talento excepcional cos números. A pesar do seu traballo, o mozo é incapaz de demostrar a proposición e o seu tío obrígao a asinar un documento no que xura que xamais estudará matemáticas. O que o non sabía aínda era que a proposición que o seu tío lle expuxo non era outra que a conxectura de Goldbach, un dos maiores enigmas das Matemáticas e ao que o seu tío dedicou toda a súa vida sen aparente resultado.
Pareceunos un libro moi interesante que, máis que tratar a relación entre tío e sobriño, trata a relación do home coas matemáticas, unha relación que pode ser fonte de éxito pero tamén de fracaso. Por outra banda, é un libro moi fácil de ler, xa que, aínda que trata temas matemáticos complexos, explícaos con gran sinxeleza e en ningún momento pérdesche na trama.
Por Alba R., 1º BAC