lunes, 3 de febrero de 2020

Basura, de Gerda Raidt

     Abres o libro e a imaxe impáctate: trátase dunha das vías para chegar ao cumio do Everest, a máis alta e a máis fermosa montaña do planeta. E daste de conta de que é un vertedeiro; os miles de alpinistas que alí chegan levan décadas acumulando 50 toneladas de varredura. 
O planeta xa non aguanta máis, e xa vai sendo hora de facer chegar á poboación, sobre todo aos cativos, os homes e mulleres do futuro, uns cantos datos que non coñecen ou non lles deixan coñecer.
O libro de Gerda Raidt é didáctico, ameno, magnífico. Explica de onde procede e a onde van os nosos desperdicios, se os ocultamos ou os reciclamos, e o por que de envíalos a outros países - aos pobres, claro- para que os nenos de alí enfermen, e non os nosos. O terrible das moreas de residuos no mar, no espazo, na Lúa. 
Pero o libro tamén presenta grandes oportunidades, o refugallo pode ser tamén un laboratorio para achegarnos á vida dos homes e mulleres prehistóricos e dos animais xa desaparecidos. En positivo, podemos ensinarlles ás novas xeneracións a importancia da reciclaxe, a conservación dos espazos naturais, a non proliferación do reboutallo radioactivo. Esta viaxe que nos propón a autora alemá é unha das últimas oportunidades que nos quedan, a pracenteira divulgación pedagóxica. Neste caso, un grito contra a negación. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario