martes, 30 de octubre de 2018

El corazón de las tinieblas, de Miquel&Godart

      Na primeira reunión deste novo club que relaciona historia e literatura, limos unha adaptación libre realizada polo guionista Stéphane Miquel e o Debuxante Loïc Godart da novela 'El corazón de las tinieblas', escrita por Joseph Conrad no século XX. Narra a viaxe do mariñeiro Charles Marrow dende Londres ata o centro do Congo, levado polas ansias de coñecer a Kurtz, un dos máis significativos comerciantes de marfil da época. Conrad busca facer, mediante esta viaxe realizada polo seu protagonista, unha forte crítica á brutalidade do imperialismo occidental e á crueldade dos colonos cos nativos, os cales eran considerados inferiores e obrigados a facer traballos forzados. O relato foi inspirado no medio ano que pasou o autor nese mesmo lugar, xa devastado pola colonización do rei de Bélxica Leopoldo II.
Esta obra incitouno a facer unha importante reflexión sobre a escasa liña que separa a civilización da barbarie e loucura provocadas pola ambición desmesurada reinante no colonialismo europeo en África. Ambición que obrigou aos nativos a vivir en estado de sumisión absoluta respecto aos forasteiros. A pesar de ser unha novela gráfica con debuxos que axudan a entender a situación na que se sucede a trama, a complexa linguaxe utilizada nesta dificulta a súa comprensión e pode chegar a ser un problema no disfrute da historia, aínda que a nós gustounos e impactounos como unha novela gráfica é quen de resumir e dar a entender a situación que o Imperialismo europeo creo nos países dominados.
Por Carlota, 1º BAC

lunes, 29 de octubre de 2018

Toda la verdad que hay en mí, de Julie Berry

   O primeiro libro que limos no club de lectura de 3º e 4º da ESO neste curso foi Toda la verdad que hay en mí, de Julie Berry, que é, ao mesmo tempo, unha larga carta de amor, unha narración de misterio e unha exploración do que supón estar á marxe da sociedade. 
    Este trata sobre a desaparición dun pequeno pobo de Judith e a súa mellor amiga. Dous años despois do suceso, solo Judith regresa, pero é repudiada polas sospeitas sobre o seu pasado, e ignorada por aqueles que foron a súa familia e os seus amigos. Pero Judith non pode renunciar ao seu amor por Lucas, un mozo do seu pobo ao que sempre quixo en secreto, e cando este é rexeitado pola comunidade, Judith sabe que podería salvalo se rompera o seu silencio. Pero ao facelo, tería que volver ao seu escuro pasado. 
    No club a todos nos pareceu estrana a reacción do pobo en canto á chegada de Judith, aínda que podemos chegar a entender debido á época na que se desenvolve.
    Judith iranos alternando o presente e o pasado, e o lector poderá ir encaixando as pezas do que ocorrera durante a desaparición de Judith e o asasinato da súa amiga. Pero isto non nos gustou, xa que os constantes saltos entre o hoxe e o onte xeráronnos confusión. 
    O que si nos gustou foi a fortaleza da protagonista porque a pesar de ser rexeitada por todos, é unha chica valente, forte e que nunca deixa de loitar por aquilo que desexa, incluído Lucas. A este personaxe non lle collemos tanto cariño, xa que pensamos que solo estaba con Judith por compaixón.     Recomendamos este libro, xa que es moi corto e cunha rápida narración, terminando cunha perfecta resolución do misterio e sen deixar fíos soltos.
Por Sofía

lunes, 15 de octubre de 2018

Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro

       O xoves 11 de outubro, inauguramos con Tonecho de Rebordechao, o club de lectura dos alumnos de 2º ESO C. A maioría de nós nunca asistíramos a unha xuntanza deste tipo, non sabíamos en que consistía un club de lectura. Esta primeira experiencia foi moi satisfactoria. Os momentos de desconcerto iniciais pasaron rápido e mentres tomábamos unas pastas e uns batidos de chocolate na biblioteca, comezamos por compartir un pequeno resume da historia.

     Tonecho é un neno que queda orfo porque os seus país morreron nun accidente de tráfico. Foi vivir cos seus avós a unha aldea da provincia de Ourense chamada Rebordechao. Existe de verdade! Atópase alí cun mundo diferente ao da cidade onde el vivía. Na aldea aprende un montón de cousas, namórase de Sabela (a súa profe), fai amigos, relaciónase con todo tipo de animais, especialmente co seu can Langrán, e ata vive unha xornada electoral.
   
A todos pareceunos unha obra interesante, divertida, nada dramática e chea de aventuras. Ensinounos que a vida nunha aldea non ten por que ser aburrida porque podes coñecer costumes, historias dos antepasados. Historias que mesturan realidade e ficción, pero contadas nunha noite de inverno co vento soprando fóra, vólvense moi reais e fan que pases moito medo. 

     Como moitos de nós somos de fóra de Galicia, aprendemos moito sobre as tradicións e a cultura galega: falamos da matanza, da conservación dos alimentos, da fabricación do xabrón caseiro, do unto para botar ao caldo, dos muíños de trigo e o seu funcionamento, da preparación do queixo… e eles tamén nos contaron como se facía todo isto nos seus lugares de nacemento. Todo un intercambio cultural! 
    Podemos cualificar a primeira xuntanza como entretida, divertida e ademais instrutiva porque aprendemos un montón de cousas interesantes.
Por Antía, Diana, Samuel e Aurora