martes, 28 de junio de 2016

Astérix, Obélix e a Cultura Clásica

Facer unha incursión polo mundo romano antigo pode estar ao noso alcance cun pequeno xesto: ti levántaste, deixas o móbil a un lado, colles un cómic de Astérix e poste a ler. Nada de leccións tediosas nin aburridos apuntes, só un deixarte arrastrar por esa marcha -as historias de Ásterix teñen sempre unha estrutura de viaxe– e polo talento de dous grandes xenios da banda deseñada.
Humor e cultura a partes iguais, porque os protagonistas destas historietas percorren o imperio romano tal como era nos primeiros séculos da nosa era , amosándonos no seu periplo vías terrestres e marítimas, cidades romanizadas e poboados prerromanos, domus e ínsulas, tabernas e mercados, arte e civilización.
Vale, tamén hai chascarrillos e pequenas incongruencias, pero son guiños ao mundo moderno –licencia humorística- , sobre todo para buscar os típicos tópicos nos que todos cremos recoñecer aos demais pobos, pero que rexeitamos en nós mesmos.
Porén, no fondo, as historias creadas por Gosciny e Uderzzo son moito máis que aventuras, cultura e humor, que non é pouco. Gran parte do seu mérito reside tamén nos valores que transmite: liberdade, orgullo, compañeirismo, esforzo, afán de superación, busca da verdade… en definitiva, un cóctel difícil de superar se estamos a falar de literatura infantil e xuvenil.
 Por outra banda, dende o punto de vista didáctico, os Astérix son unha mina. Por iso, a rigurosidade dos autores á hora de ambientar as aventuras levounos a propoñer un xogo de aprendizaxe: os alumnos de 4º da ESO na materia de Cultura Clásica elaboraron un trivial con preguntas sobre os personaxes dos Astérix e os entornos nos que se desenvolven as accións do cómic, buscando referencias sobre todo ao mundo romano. Ao alumnado agradoulle aprender distraéndose, espero que a todos vos pareza igual de divertido.
 Se queredes xogar a este trivial podedes facelo desde aquí:
https://www.trivinet.com/es/TrivialOnline/JugarGrupoPublicoDesdeExterior?idGrupo=2200
Preme na imaxe para xogar

sábado, 25 de junio de 2016

As zapatillas rotas, de X. Quiroga

É esta a quinta novela publicada por Quiroga, despois dalgunhas delicias narrativas como Era por setembro ou Atuado na braña. Toda a súa produción literaria comparte marcos narrativos ou preocupacións existenciais que logran conmover ao lector, ben por proximidade paisaxística, ben por experiencias vitais, ben por reflexións sobre a vida cotiá. 
Nesta obra publicada no 2014 e que recibiu o Premio da Crítica, trata moi diversos temas configurados ao redor da historia dun ancián e un home de mediana idade. A súa breve andaina, desenvolta nun marco temporal de poucos días, acolle, sen embargo, a historia dunha vida ou mellor de varias vidas, as dos seus protagonistas. O tempo interno ensancha ata os duros tempos da guerra civil e a posguerra. Unha historia presente e pasada, que desenvolta na zona da Ribeira Sacra, envolve unha peripecia vital onde o amor aboca os seus protagonistas a unha historia repetida, como se o fatum se apoderara de eles. Nesta obra o amor faise “maxia”.
 Moitas críticas, implícitas e, ás veces moi explícitas, aparecen recollidas nas súas páxinas. Destaca especialmente a que se fai aos medios de comunicación que terxiversan a realidade e buscan o máis morboso da situación, sempre co interese de acaparar a noticia. Pero tampouco libran a igrexa, os políticos, o trato á terceira idade, a crise, as axudas á dependencia… 
Dende o punto de vista formal,o léxico está moi coidado e mostra unha perfecta adecuación entre os personaxes e a súa forma de falar, son os diálogos unha maneira máis de caracterizalos. Destaca a tenrura coa que son tratadas Lola e Mirian, a anciá e a asistenta social. 
Estupenda novela para gozar este verán¡

viernes, 24 de junio de 2016

O meu pesadel favorito, de María Solar

Ata o noso último empeño 
é só un soño dentro dun soño.
 E. A. Poe 

Que curioso iso de comezar o primeiro trimestre con Prohibido ler a Lewis Carroll e rematar o terceiro con O meu pesadelo favorito. Unha casualidade, e con todo un descubremento, porque as dúas historias da Alicia de Carroll e o relato de María Solar están enmarcados no mundo dos soños, algo que a rapazada percibiu sen ningunha dificultade, dando pé aos pertinentes comentarios.
 A imaxinación constrúe o mundo onírico e tamén forma o urdido da literatura, ambos están íntimamente enlazados…e polo tanto ás veces mestúranse. Quen non coñece O soño dunha noite de verán ou Rip van Winkle? Como imos pasar por alto que O extraño caso de Dr. Jekyll e Mr. Hyde de Stevenson ou o Frankenstein de Mary Shelley son produto de sendos pesadelos dos seus creadores? Un exercicio recurrente nas clases de literatura son os relatos dos soños. O alumnado lánzase con fervor á descripción dos anhelos e os temores forxados no maxín en noites insondables. Pero hai que ler para escribir, e qué mellor que os contos tradicionais.
Esperando que os disfrutedes, deixo aquí os enlaces para que poidades mergullarvos en dous contos oníricos antigos, o primeiro, “ Los dos que soñaron”, extraído de As Mil e Unha Noites e o segundo, “ El sueño infinito de Pao Yu”, de O soño do Aposento Vermello do escritor chino Tsao Hsue-Kin. Verdad que este último vos recorda a O meu pesadelo favorito por aquilo do soño dentro do soño, dentro do soño, dentro do soño..?