miércoles, 12 de junio de 2024

Enderezo descoñecido, de KRESSMANN TAYLOR

 1932. Os dous amigos Max Eisenstein e Martin Schulse envíanse cartas para falar da galería de arte en California da que son propietarios, así como dos seus negocios no mundo da arte. Max é xudeu residente en Nova Iork, e Martin acaba de trasladarse á súa nación de orixe, Alemaña, coincidindo coa creación e auxe do partido nazi. Malia ter una grande relación de confianza, os ideais antisemitas penetrarán pouco a poouco na mentalidade de Martin e deteriorarán a súa amizade con Max en cada carta.

A valoración global que fixemos no clube de lectura de 1º de BAC sobre esta novela de apenas 70
páxinas foi moi positiva. Parécenos un moi bo reflexo de cómo as palabras dun führer poden calar tan fondo nunha poboación inxenua. A evolución da personaxe de Martin é, ademáis de rápida, radical. En pouco máis de tres cartas pasa de respectar aos xudeus a mostrar odio cara eles, argumentándolle a Max que son un pobo que só mira polos seus propios problemas, que se lamenta, que non é abondo para defenderse só… Ademais, tamén entra en xogo a personaxe de Griselle, irmá pequena de Martin. É unha actriz nova que intenta conseguir papeis en obras de teatro, e despois de probar sorte en Viena decide trasladarse a Alemaña para facer o mesmo. Con todo, a súa orixe xudea e o clima de inestabilidade política dificultan a súa seguridade, unha seguridade pola que Max se preocupa pedíndolle desesperadamente a Martin nunha das cartas que a acolla na súa casa.

Katherine Kressmann Taylor, malia que para publicar este libro tivo que asinalo elidindo o seu nome de muller, viu a súa historia censurada polo Reichkommisar. Entre os motivos que a levaron a escribir Enderezo descoñecido, Katherine destaca nun dos seus escritos o feito de que non comprendía o cambio que producía o “veleno nazi” nas persoas. Por se fose pouco, por aquela época os estadounidenses estaban desinformados dos estarrecedores sucesos que tiñan lugar no Terceiro Reich.

Dinámica, breve e moi fácil de ler, esta novela epistolar convírtese nun clásico cunha importante mensaxe que perdura ata o día de hoxe.

Por Lucía, 1º BAC

No hay comentarios:

Publicar un comentario