viernes, 12 de febrero de 2016

Cuando pasé al otro lado del muro, de WILLIAM SUTCLIFFE

Hoxe reunímonos para falar dun libro que nos impactou, Cuando pasé al otro lado del muro, de William Stucliffe: O título chamounos, en xeral, a atención, pensabamos que ía de pantasmas, o mundo paranormal…, pero non, o tema é moito máis serio e actual. 
 No libro, o protagonista, Joshua, vive en Amarias, unha cidade que a maioría de nós enseguida relacionamos co Oriente Próximo, e fala dun muro, físico e mental. Físico, porque separa aos teóricos civilizados, dos supostos violentos que viven ao outro lado; pero, é sobre todo un muro mental, porque separa dúas civilizacións que no canto de tentar entenderse loitan entre si, nun círculo sen fin de represión-violencia-represión. 
 Joshua, que non é feliz coa súa situación familiar, entra dun xeito fortuíto en contacto co o outro lado, e, con curiosidade e unha certa dose de inxenuidade, decide tentar entender a Leila e a súa familia, aqueles cuxa vida, moi dura, desenvólvese no outro mundo. Nesa postura de tolerancia, diferénciase claramente da súa nai, representación daqueles que negan a realidade (“non hai más cego que aquel que non quere ver”), e por suposto do seu padrastro (representación do odio sen sentido). 
 O que máis nos chamou a atención foi ver a evolución de Joshua, este pasa desa postura de comprensión a unha de compromiso, coidando o horto da familia de Leila, levándolles comida, e finalmente tentando axudarlles, ata tal punto que cambiará a súa vida para sempre. Pero, como di o protagonista: “Intenté ayudar y fracasé, pero puedo intentarlo otra vez, y puedo seguir intentándolo y, si vuelvo a fracasar, puedo intentarlo una vez más”.
 Os rapaces de 2º da ESO fixeron na materia de Cidadanía un traballo sobre os muros, porque, por desgraza, multiplícanse non só fóra de Europa senón dentro dela. Se queres afondar no tema só tes que premer aquí

No hay comentarios:

Publicar un comentario