lunes, 13 de mayo de 2019

Jonas Fink, de V. Giardino

Esta novela gráfica de  Vittorio  Giardino móstranos a historia do mozo  Jonas  Fink, fillo dunha familia burguesa xudía da  Checoslovaquia de 1949. Aos doce anos a súa acomodada vida vese interrompida cando o seu pai é detido, supostamente acusado de conspirar contra o réxime comunista.
A partir de entón vese a repercusión que este suceso ten na vida do mozo  Jonas, que crece vendo como gran parte da sociedade rexéitao. Algo xa máis maior comeza a traballar nunha librería, onde se reencontra  co seu amigo da infancia. 
Este convídao a unirse a un grupo de mozos revolucionarios que leva a cabo actividades prohibidas polo réxime, tales como a lectura de obras censuradas. Aquí,  Jonas coñece por primeira vez o amor, grazas a  Tatiana; e o desamor, cando esta abandona o país xunto aos seus pais, sendo a primeira do grupo en separarse.
Pero anos máis tarde todo o grupo se  reúne de novo, xusto a tempo para presenciar a invasión do país por parte da Unión Soviética. Con todo, cada un deles opoñerá resistencia á súa maneira,  o que dará lugar a feitos desafortunados.
Trátase dun libro que foi ben recibido no club, tanto pola calidade dos debuxos, que non fan máis que mellorar desde o inicio, como pola historia e os seus matices, que mostran a situación popular durante o réxime comunista e a repercusión de importantes sucesos históricos. Ademais, permitiunos comparar ideoloxías aparentemente distintas, entre a nazi do libro anterior e a comunista deste. No fondo, démonos conta de que ambas teñen moitos elementos en común.
Por Alba P.,1º Bac

No hay comentarios:

Publicar un comentario