martes, 20 de febrero de 2024

Instruccións para tomar café, de Núñez Singala

 


A ironía do título deste libro, xunto coa súa cuberta, xa nos fan ter unha idea da súa temática. E é que Instrucións para tomar café fai un retrato humorístico e realista da sociedade galega. Esta antoloxía de relatos está composta por catro apartados ou “libros” breves: o Libro de reclamacións, o Libro de estilo, o propio Libro de instrucións e o Libro de contos.

Nos dous primeiros, Singala sitúase no panorama galego actual para ofrecernos a súa visión acerca de algúns temas tan enxebres como a nosa cociña tradicional, as múltiples facetas do vocabulario galego ou a retranca, e outros de máis actualidade, desde a emigración ata o panorama político pasando por sucesos da vida cotiá do máis comúns. Se ben é certo que o autor non escribe referenciando ninguna ideoloxía concreta, no terceiro relato pódese percibir unha crítica directa (e moi acertada) ao deixamento da administración pública.

O Libro de instrucións, que dá nome a toda a antoloxía, vai dirixido segundo o autor tanto a non galegos como a galegos con sentido do humor. Trátase dunha especie de manual para saber relacionarse en Galicia: como rexeitar - ou rematar por aceptar - un café sen ofender ao que nolo ofrece, como parecer galego (sección con outra crítica moi ben traída na que Singala nos fai ver como desprezamos a nosa cultura), como falar da húmida climatoloxía galega… En definitiva, pequenas descricións das situacións que moitos de nós de vivimos todos os días e que forman parte dunha segunda cultura, esa que rixe os nosos comportamentos en sociedade. Velaquí o máis importante do libro: non é necesario ter raíces na nosa comunidade para comprobar que estes costumes se cumpren, se non é na maioría, na totalidade das nosas relacións entre galegos.

Por último, o Libro de contos é unha parodia dos principais contos do imaxinario popular europeo e o desenvolvemento doutros ficticios. O autor adáptaos de novo á situación social e política de hoxe en día para deixarnos un conxunto de microrrelatos que falan da deforestación, os roles de xénero ou incluso a explotación laboral.

En resumo, Instrucións para tomar café é unha lectura breve, lixeira, cargada de bo humor e chea de elementos da idiosincrasia galega. Con algúns dos relatos o lector atópase preguntándose a si mesmo que me quere dicir o autor con isto? e, xaora, invitan a unha reflexión sobre a cultura e o panorama político actual. Moi recomendable.

Por Lucía, 1º Bac