viernes, 29 de abril de 2022

¡Qué blanca más bonita soy!, de Dolf Verroen.

 


Esta vez na reunión do club de lectura do IES Xoan Montes, falamos do libro Qué blanca más bonita soy, escrito por  Dolf Verroen.

Este libro fala da escravitude, xa desde o propio título, dende o punto de vista dunha nena. O libro mostra a normalidade que para a xente da época supoñía a existencia dos escravos, da idea de estatus e tamén o racismo da época. Neste mesmo libro tamén podemos ver moitos prexuizos da época sobre a muller, como o eu papel como nai, de aí que se valore as que teñan grandes peitos. 

O libro é fácil de leer e moi entretido, pero ademáis describe moi ben a sociedade da época. Este libro aparentemente sinxelo, faite reflexionar sobre os erros que cometimos nun pasado non tan lonxano, e que non convén repetir no futuro, aínda que lendo as noticias, que tan a miúdo saltan nos medios de comunicación, sobre conflitos raciais parece que quizá non avanzáramos tanto como pensamos.

Por Saúl (3º ESO)


martes, 26 de abril de 2022

ATRANCO NO BANCO, de Manuel Núñez Singala


 Ao autor deste libro gústalle a comedia clásica norteamericana, salta á vista.  Temos una parella de atracadores ao estilo de Jack Lemmon e Walter Mathau, os dous bastante paiolos, que pasan o rato facendo xogos de palabras nunha competición absurda. Temos, coma non, un cuñado tacaño que é banqueiro, unha alcaldesa, una rapaza de bon ver, e un atraco onde ninguén é o que parece. O banco semella o camarote dos irmáns Marx con tantas idas e vidas. E todo iso ben remexido para resaltar os abusos da banca en época de crise. É ben sabido que non hai nada como a risa en tempos incertos.

Manuel Núñez Singala é un bon filólogo e un gran comediante, non cabe dúbida. Demóstrao na escena do cambio lingüístico para parecer un malote das Rías Baixas, amoreando seseos e gheadas. Nin o mesmo Aristófanes. Había moito tempo que non me rira tanto.


viernes, 22 de abril de 2022

A Flor Púrpura, de Chimamanda Ngozi

     A Flor Púrpura, da nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie, nárranos a historia   de Kambili, unha adolescente que, coma nós, ten 15 anos. A súa familia é     adiñeirada, vive nunha fermosa casa, vai a un colexio privado… Aparentemente a   súa vida é feliz, mais o seu pai, un home de negocios moi exitoso, fervente   católico, quere ter unha familia perfecta, que sexa a extensión do seu éxito; para   logralo usa a violencia, contra a súa muller e os seus fillos, Kambili e o seu irmán. 
   Para nós foi un descubrimento a autora, parece como se na literatura, ao igual que ocorre datos macroeconómicos, o continente africano non existise, e menos unha escritora da África Subsahariana.
   Pareceunos un relato moi valente, no que Kambili é quen de cuestionarse a sociedade nixeriana, o patriarcado, a violencia, a relixión, a corrupción política. A autora danos unha visión feminista e reivindicativa dos dereitos das nenas e das mulleres en Nixeria, e por extensión no resto do mundo. 
   Por Olalla (4º ESO)