lunes, 24 de febrero de 2020

Thornhill, de Pam Smy

Nesta asemblea do club de lectura de 4º da ESO e 1º de BAC reunímonos para comentar a novela gráfica “Thornhill” da autora Pam Smy. 
 A trama intercala presente e pasado para contarnos unha historia de bullying. Preséntansenos dúas protagonistas femininas con vidas similares: ambas séntense soas e abandonadas e carecen de amizades. A primeira, Mary, é unha rapaza orfa que sofre abusos por parte das súas compañeiras de orfanato. Os seus únicos momentos de paz son aqueles en que confecciona as súas marionetas, as cales son as súas únicas amigas. A súa historia coñecerémola a través dun diario. Despois está Ella, cuxa historia coñeceremos a través de ilustracións. Ao comezo da novela múdase preto do orfanato; xa abandonado. Dende ahí irá descubrindo a vida de Mary... 
 Ao comezo, a trama avanza lentamente e dásenos tempo de coñecer os personaxes, o cal foi bastante acertado en canto a que amosaba de forma realista o que sofre unha vítima de bullying. Achegándonos ao final a historia decae, xa que se sinte moi precipitado e pouco argumentado. Un factor moi importante da historia foron os adultos, que se mostran ausentes e carentes de empatía. Algúns, como a profesora ou Kate, ven o que está a pasar, pero deciden non inmiscirse porque Mary nunca pide axuda e non queren problemas. Tamén destaca o pai de Ella como unha figura adulta ausente. Isto sustenta, de certa forma, a decisión final dela. Por último, fai falta mencionar á acosadora, quen ten unha trama inconclusa. Porén, esta foi unha decisión acertada, xa que deixa lugar ás interpretacións que lle queira dar o lector; sen enaltecer ou condenar a ninguén.
 En resumo, a obra tivo un bo comezo, mais foi decaendo conforme se achegaba ao seu final. A representación dos personaxes, sobre todo dos adultos, foi un dos seus mellores puntos e axuda a que o lector sinta empatía coa situación que se está a vivir. 
Un libro recomendable para aqueles que ven máis aló da historia.
Rachel, 4º ESO

lunes, 10 de febrero de 2020

Cuando pasé al oro lado del muro, de William Sutcliffe

O luns 10 de febreiro, o club de lectura de 3º reuníuse para falar do libro Cuando pasé al otro lado del muro, escrito por William Sutcliffe. 
 Este libro falaba dun rapaz chamado Joshua, o cal vivía nunha cidade dentro dun enorme muro onde “todo era perfecto”. Pero un día, Joshua decidíu descubrir o que había ao outro lado do muro, onde a xente vivía moito peor que nesas cidades supostamente perfectas, e sendo atacadas constantemente por estas. 
 Na reunión, falamos de que a historia non é tan ficticia como parece. Un exemplo pode ser que nesas cidades había unha relixión predominante, o que nos fai darnos conta de algo que ocorre na realidade: non aceptar ás persoas dunha relixión distinta ou que non creen en nada. Outro exemplo pode ser como os mandatarios das cidades ignoraban á xente de fóra que precisaba axuda, e incluso as atacaban sen elas facer nada. Podemos comparar estas situacións coa realidade perfectamente. 
 Outro tema a falar na reunión foron os personaxes, como a nai do protagonista. Esta muller parecíanos que non se preocupaba do seu fillo, pero démonos conta de que era máis do que aparentaba. 
 María (3º ESO)

lunes, 3 de febrero de 2020

Basura, de Gerda Raidt

     Abres o libro e a imaxe impáctate: trátase dunha das vías para chegar ao cumio do Everest, a máis alta e a máis fermosa montaña do planeta. E daste de conta de que é un vertedeiro; os miles de alpinistas que alí chegan levan décadas acumulando 50 toneladas de varredura. 
O planeta xa non aguanta máis, e xa vai sendo hora de facer chegar á poboación, sobre todo aos cativos, os homes e mulleres do futuro, uns cantos datos que non coñecen ou non lles deixan coñecer.
O libro de Gerda Raidt é didáctico, ameno, magnífico. Explica de onde procede e a onde van os nosos desperdicios, se os ocultamos ou os reciclamos, e o por que de envíalos a outros países - aos pobres, claro- para que os nenos de alí enfermen, e non os nosos. O terrible das moreas de residuos no mar, no espazo, na Lúa. 
Pero o libro tamén presenta grandes oportunidades, o refugallo pode ser tamén un laboratorio para achegarnos á vida dos homes e mulleres prehistóricos e dos animais xa desaparecidos. En positivo, podemos ensinarlles ás novas xeneracións a importancia da reciclaxe, a conservación dos espazos naturais, a non proliferación do reboutallo radioactivo. Esta viaxe que nos propón a autora alemá é unha das últimas oportunidades que nos quedan, a pracenteira divulgación pedagóxica. Neste caso, un grito contra a negación.