jueves, 22 de mayo de 2014

A illa de todas as illas, de X. Docampo

Que sexa precisamente o epílogo o único que nos gustou do libro é mostra dabondo de que a historia , que prometía moito, non gustara. A novela é unha homenaxe aos libros de aventuras que ocorreron en illas. Por ela desfilan referencias literarias coñecidas por todas nós: A illa do tesouro, O señor das moscas, Robinson Crusoe, … que é o único que a fai interesante.
Mais semella faltarlle un plan: fáltalle acción ,as persoaxes e as situacións son pouco verosímiles- eses país que desaparecen e deixan a unha nenade catro anos en mans duns menores- . En fin, que o único que se salva como personaxe é a néboa e as ilustracións, porque o demais resultounos soso e aburrido. Se a idea , en principio, prometía , o resultado final defraudounos a nós, coñecedoras desas lecturas. Que opinará a rapazada? Animaralles este libro a ler eses clásicos?

martes, 6 de mayo de 2014

Juegos inocentes juegos, de Ricardo Gómez



Non lles gustou! E iso que, aparentemente, o libro proposto para o club de lectura dos maiores, Juegos inocentes juegos de Ricardo Gómez, tiña todas as papeletas para chegar aos rapaces.

A narración preséntanos a un adolescente reflexivo, tímido, normal, Sebastian (si, sen til no a), que asumiu demasiadas responsabilidades dende os 9 anos trala morte da súa irmá e o posterior divorcio dos seus pais. O rapaz gaña diñeiro, á vez que se divirte, probando xogos para unha empresa americana. Pero o que el non sabe, e o lector si, é que os xogos non son tan inocentes como o protagonista pensara, pois cada vez que proba un arma ou pilota un drone, cada vez que mata a alguén no seu ordenador estáo a matar na realidade. Con eses dous elementos xoga o autor: coa realidade cotiá de Sebastian e co resultado das súas accións.

Seica foi esta dualidade narrativa a que non calou nos alumnos/as, máis acostumados a formas de narrar, simples e lineais polo que a lectura resultoulles “pesada” e, as veces, “difícil de seguir”.

Sendo o obxectivo do club que os alumnos amen a lectura, pero que tamén coñezan outras formas de narrar, consideramos que debemos persistir nesta liña. Que entendan que, para se achegar a lectura, non sempre o camiño será doado, que haberán de salvar moitos escollos. Porque un libro é, ao fin e a o cabo, ¡a vida mesma!

O refugallo, de Paula Carballeira

"Refugallo é todo material e produto non desexado que se necesita eliminar porque carece de valor económico" (Wikipedia)

            Incisivo título o desta peza teatral de Paula Carballeira pensada para un público infantil e xuvenil. Unha obra divertida e do gusto do alumnado cunha mensaxe que cala moi fondo.
 A cuestión plantexada  polas nosas alumnas foi a seguinte: é transferible  a definición anterior ao ámbito humano? Pódense considerar as persoas un produto residual, algo que sobra e carente de valor?
            Dentro da fábulación a creatividade da autora (tamén actriz e contacontos) non abusa das hipérboles, é a imaxinación dos nenos o único que os salva da barbarie; o seu intento de crear un mundo mellor con todo aquilo que os demais tiramos resulta unha utopía nun espazo que se converte en metáfora do mundo. Vivimos e morremos nun vertedoiro, só a amizade, a sensibilidade e a empatía poderán salvarnos.
        
A resposta, desgraciadamente, foi afirmativa: o noso mundo converteuse  nunha sociedade de consumo feroz e despiadado no que mesmo os nenos (e calquera considerado non produtivo) son abandoados sen o menor signo de remorso.
Catro dos componentes do club decidiron aprender a seu papel e representar a escena III da obra. A verdade é que nos sorprenderon.