martes, 19 de noviembre de 2019

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa

Un bestiario é un compendio de animais fantásticos e imposibles, produto da imaxinación e o medo ao descoñecido, que xa na Antigüidade clásica e na Idade Media servían como guía de coñecemento ante os posibles perigos que acechaban aos viaxeiros en terras ignotas, monstros terribles á espera de vítimas inocentes.
 Así mesmo, tamén na novela xuvenil de Antonio M. Fraga, un bestiario sérvelles aos dous rapaces protagonistas como guía na busca da súa identidade, a perda da infancia, os misterios da vida, as lealdades e a cultura.
 No Sanatorio de Oza, ese labirinto de Creta, pero con conserxe ao Harry Potter, atoparán unha mestra da República que reclama mellores orzamentos para a educación e menos aulas masificadas, tratando de inculcar o amor polos libros. Esa mestra existiu, chamábase Elvira Bao e o autor faille unha homenaxe, o mesmo que á científica Ánxeles Alvariño, de quen toma para a súa Anxos Nogueirosa a determinación e o carácter que debe ter todo investigador.
 E Galicia como decorado: os lugares existen, as historias tamén. Os mitos patrios e a historia do noso pobo seguen a ser unha referencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario