martes, 23 de mayo de 2017

Los crímenes de Oxford

"Os crimes de Oxford" é un libro de misterio e crime. Narra a historia dun mozo matemático que viaxa a Inglaterra para realizar un traballo de investigación, alóxase en casa dunha amable señora maior e a súa fermosa neta Beth. Un día de súpeto, ao chegar a casa descobre que a señora está morta e que non foi unha morte natural. Xunto ao matemático Sheldon decide investigar o caso xa que xunto ao corpo atopa un símbolo; a esta morte sucédenlle outras, todas elas acompañadas de símbolos e estrañas condicións. Os protagonistas deberán unir as características comúns que presentan as mortes e seguir as pistas para atopar ao asasino e tratar de salvar á próxima vítima. Con todo, non será fácil xa que hai moitos sospeitosos. 
Este libro foi un dos favoritos dos membros do club de lectura de matemáticas de 3ºB, ademais de aprender teorías e datos sobre as matemáticas é un libro cheo de misterios, polo que todo o mundo trata de pescudar quen é o asasino e cal é o sentido da serie de símbolos. Non só enfócase en matemáticas e misterio senón que tamén trata de amor, dor, paixón e relacións de amizade e rancor. 
Por Alba Piñeiro López, 3ºESO-B

lunes, 22 de mayo de 2017

El laberinto de la rosa

A autora desta novela, Titania Hardie (Sidney, Australia) é unha exitosa escritora de libros fantásticos e infantís. Graduada en Psicoloxía e Literatura, é experta en esoterismo e numeroloxía. O labirinto da rosa é a súa primeira novela.
 Italia, século XVII. Ante a súa inminente execución, o exitoso matématico e astrólogo inglés John Dee decide esconder os documentos nos que traballou toda a súa vida, convencido de que o mundo non está preparado para aceptar as súas avanzadas ideas. 
Inglaterra, 2003. A poucos días da súa morte, Diana, última herdeira e gardiá do segredo de Dee, vese obrigada a elixir o destinatario de tan singular legado. Finalmente, decídese polo seu fillo menor, Will, que, intrigado pola pequena chave de prata e o vello pergamiño que lle foron legados, emprende unha viaxe por toda Europa en busca de respostas. Paralelalemente, Lucy King, unha moza australiana, pasa os seus días nun hospital de Londres, á espera dun transplante de corazón que ha de salvarlle a vida. Por un capricho do azar ou quizais por algo máis profundo, a súa vida e o seu destino quedarán inevitablemente unidos ao de Will e verase tamén inmersa na procura do misterioso legado. Con todo, non están sós nesta procura; as ideas do matemático atraen tamén a un grupo de fanáticos que non dubidarán en utilizar todas as malas artes ao seu alcance para facerse cuns documentos que, sen dúbida, cambiarán a percepción do mundo. 
 O labirinto da rosa é, sen dúbida, unha novela especial e podemos dicir que inclasificable. A medio camiño entre a novela negra, de intriga e, mesmo, romántica; fainos reflexionar sobre a obsesión do ser humano por atopar a verdade. Desenvólvese a través de dúas liñas temporais paralelas e quizais grazas a iso e aos seus xiros argumentais, é unha novela que logra atraparnos desde as primeiras liñas.  Por Alba Rois González, 2º de BAC

jueves, 18 de mayo de 2017

TRAIN KIDS de DIRK REINHARDT

O último libro do club de lectura por este curso, foi unha historia que en xeral se nos fixo pesada de ler, e que é narrada por Miguel, un neno que vai en busca da súa nai que fai tres anos déixoos a el e á súa irmá para irse a EE.UU. a traballar. 
 O libro, a pesares da lentitude narrativa, conta, en opinión da maioría, unha historia moi interesante e que a maioría de nós descoñecíamos, os trens que cruzan, de México a EEUU cargados de migrantes clandestinos. A maioría, como Miguel, son nenos e nenas, non só de México senón tamén doutros países de Centroamérica que foxen da miseria, da guerra, ou tentan reunirse coas súas nais ou os seus pais que marcharon na procura dunha mellor vida para os fillos. En moitas ocasións, estes nenos e nenas, e iso impactounos moito, caen en mans das mafias de drogas, armas, sexo… É dicir, é unha viaxe de supervivencia. 
 Na reunión, puxemos en relación a situación destes nenos coa dos adolescentes e raparigos que se xogan a vida en pateras para entrar dentro das fronteiras europeas.

Por Abraham Pena Vila, 4º ESO 

 Cada día chegan as fronteiras europeas moitos nenos sen familia, logo dunha viaxe de supervivencia dende África ou o Próximo Oriente, exactamente como o protagonista de Train Kids, Miguel. En ocasións tendemos a parapetarnos tras un muro, sen querer ver o que é a dura realidade de moitas persoas. Pero só falta que reaccionemos para que as cousas cambien.


jueves, 11 de mayo de 2017

EUROPA EXPRESS, de Andrea Maceiras

Tras atopar unha postal de Bergen (Noruega) na que aparecía unha situación que lle chamou a atención, (pois aparecía el cos seus amigos) Nico decide investigar a desgracia que ocorreu tras aqueles días de viaxe por Europa no Interraíl, para celebrar a fin do Bacharelato. Así, reúne a todos os seus amigos: Aroa, Mía, Piero, Óscar e Beatriz tras moitos anos para falar do ocorrido. Tamén está Xacobe, pois aínda que non presente fisicamente, os acontecementos daquel verán de xuventude non se entenderían sen el.. Quen diría que unha simple postal podería cambiar as súas vidas!
  Europa Express de Andrea Maceiras, foi o último libro que por este curso limos no Club, e esta historia resultounos moi interesante, pois trata temas como o amor, a madurez, a amizade, o engano…, temas bastante delicados pero dos que nunca está mal falar, e sobre os que o libro nos empuxou a reflexionar. Ademais, o final non foi totalmente inesperado: as veces as traxedias ocorren polo máis mínimo error e os máis grandes segredos poden magnificarse e impedir a un ser feliz.
Por  Celia Veiga, 3º ESO

domingo, 7 de mayo de 2017

Xa non estou aquí, de Iria Misa

Convence a obra de Iria Misa, sabe de que fala. É docente e nótaselle. Coñece aos adolescentes, e aos país, e aos profes. Na súa novela recorre á inseguridade, á necesidade, á falta de tempo para falar…e escoitar, non deixa títere con cabeza.
 Aos meus lectores da ESO, cáseque todas nenas, doéulles: sentíanse identificadas. Pero non tanto como vítimas - de ida e volta - senón como fillas, como amigas, como seres humanos. “Hai xente que ten problemas”, dicían, ou “non sei por que lles gusta meterse en líos”, ou “por que non queren ser normais”. A normalidade ou a falta dela, escolle. Trátase diso? Para máis tarde recuar, analizar cada situación por separado, recoñecer que cada persoa é un mundo e as súas circunstancias.
 Falamos moito da busca de identidade na adolescencia, do recoñecemento por parte dos demais, da soidade e da falta de entendemento entre os dous bandos en liz: os novos e os vellos. Con todo, recoñecían o esaxerado dalgúns comportamentos, por unha parte e por outra, o tira e afrouxa, a farsa do quid pro quo: estes rapaces hedonistas con e contra eses adultos ausentes.
 Chamoume a atención que case tod@s coñecían a existencia dese novo xogo mortal, a balea azul, nada como andar no fío da navalla para sentirse vivos. Como na novela de Misa, vanse propoñendo distintas probas que hai que superar, ata chegar á definitiva, o suicidio, unha aniquilación en diferido a pagar en cómodas cotas mensuais. Hai que velo para crelo. Algunas nenas estaban case asustadas, os demais explicábanllo. Non sería mellor, e concluínte, que estas cousas se falasen na casa, e que non tivesen os nenos que enterarse por unha profe, ou peor, polos seus compañeiros, que quizais non dispoñen de información veraz e aló se nos podía ir todo?
 Pais e nais, definitivamente, aquilo do sentidiño dos vellos debería estar máis de moda ca nunca.

viernes, 7 de abril de 2017

LADYDI de J. Clement

"Me llamo Ladydi García Martínez y tengo la piel morena, los ojos cafés y el pelo chino y castaño; (…) De chica, mi madre me vestía de niño y me decía Niño. Le dije a todos que nació un niño, decía. Si era niña, me raptarían. Todo lo que necesitaban los narcotraficantes era saber que por acá había una niña bonita, y se dejaban venir a nuestras tierras en sus Escalade negras y se la llevaban". 

 Así, con comeza este libro, esta narconovela, que nos causou unha profunda impresión, pola dureza da historia que conta, pero que á vez enganchábate e non che deixaba escapar ata que o acababa. Unha historia coa que soubemos o duro que é ser muller nalgunhas zonas de México, e na que discutimos e comparamos a súa situación coa do noso país. Tamén nos gustaron so seus toques de humor cos que a autora consegui poñernos na pel de Ladydi, a protagonista que, como todas as mulleres do estado de Guerrero, sabían o que era vivir sen os homes (pois a maioría íanse fora na procura de mellor fortuna e non volvían), e á vez, tamén aprendían dende moi nenas a defenderse deles, en concreto dos narcotraficantes, para que non as raptaran. 
En definitiva, unha durísima novela, que non é compracente co lector, pero ao mellor por iso moi recomendable. 
Por  Abraham Pena Vila, 4º ESO

miércoles, 5 de abril de 2017

Toda la verdad que hay en mí , de Julie Berry

 Fai catro anos Judith e a súa mellor amiga desapareceron dun pequeno  pobo, dous anos máis tarde Judith regresa soa e mutilada para que non  conte nada sobre o ocorrido. Ao regresar vese envolvida nun cúmulo de  sensacións e sentimentos xa que é evitada por todo o pobo, mesmo algúns  familiares, polo seu tenebroso pasado. 
 Ao volver atopase con Lucas, un rapaz do que sempre estivo namorada en segredo, o que desenvolverá unha serie de sucesos que provocarán en Judith a necesidade de tomar decisións sobre os seus desexos de salvar ao seu namorado, ou perdelo para sempre ao revelar o seu pasado.
 En definitiva, esta novela de Julie Berry é unha longa carta de amor escrita pola nosa protagonista que se ve condenada a ser marxinada pola sociedade e atoparse soa ante un destino desconcertante e asombroso. 
Esta é en síntese a historia do quinto libro tratado no Club de Lectura, e houbo moi diversas opinións sobre os acontecementos da novela e provocou un interesante debate. En xeral, a todos os alumnos lles gustou o libro, aínda que algúns amosaron a súa sorpresa polo desconcertante final, xa que non o esperaban. Un dos personaxes máis discutidos foi o de Lucas xa que para algúns o namoramento entre eles (Judith e Lucas) foi fermoso, para outras, non era máis que pícaro que non estaba tan namorado como parecía xa que na historia ten amores con outros personaxes. No club tamén se discutiu moito sobre o temor no que vive Judith, ao non ter a valentía de expresar o que sinte e contar a verdade da situación que vive, e como esa é a situación de moitas mulleres non só entón, senón todavía hoxe en día. 

Por ANA RODRÍGUEZ MEILÁN 3º ESO

jueves, 16 de marzo de 2017

NEMO ou de que facer se non queres dicir o teu nome

   Non todo o mundo sabe que o nome do famoso capitán do Nautilus de Verne foi escollido polo seu autor dun xeito consciente, asumindo o que na súa época era sabido por toda a xente letrada, e que hoxe en día, lonxe de ser coñecido, nin sequera é oído, visto ou lido en ningunha rede social, e polo tanto descoñecido, obsoleto, finiquitado. Como moito, algúns frikis recordan aquilo de que o protagonista de Matrix tamén se chama Nemo, un nome inventado, claro, futurista, algo terá que ver coa ciencia, ou mellor, coa tecnoloxía, esa nova divinidade idolatrada…

   Pois ben, velaí que David Morosinotto publica unha novela destinada á rapazada que leva ese título, Nemo, o rapaz sen nome, e que presenta a un protagonista arrichado, digno avatar adolescente daquel héroe verniano. A idea de ocultar o seu verdadeiro nome para fuxir dun pasado que o persegue, caracteriza ao personaxe e mergulla aos lectores nun clima de misterio e heroicidade. Dese xeito, a obra faise de fácil lectura, axudada por uns secundarios moi interesantes, sobre todo esa rapaza rebelde que desexa transgredir as ríxidas normas que lles foron impostas ás mulleres no século XIX.
   Unha lectura recomendable para os nosos preadolescentes. E por se algún estuvese lendo esta reseña (a esperanza é o último que se perde), vou estenderme de máis explicando de onde tomou Verne a idea literaria para o nome do seu protagonista (Outij en grego, Nemo en latín, que significa Nadie):
    No canto IX da Odisea de Homero, despois de que o cíclope Polifemo devorase a catro compañeiros de Ulises mentres permanecen encerrados na cova, o heroe grego planifica a súa venganza. 
   Ofrécelle viño ao cíclope e este, entusiasmado, pregúntalle a Ulises ou Odiseo polo seu nome: 
 “ Dame máis viño de bon grado e dime agora o teu nome para que che ofreza o don da hospitalidade (…)”
 E Odiseo respóndelle: 
 “ Pregúntasme, Cíclope polo meu ínclito nome. Direicho ao momento(…), o meu nome é Ninguén, e Ninguén chámanme miña nai e meu pai, e todos os meus compañeiros.” 
   Máis tarde, Odiseo cegará o único ollo de Polifemo, quen, preso de grandes dores, chama a berros aos seus irmáns cíclopes que viven nas covas cercanas, dicindo:
 “ Que gran sufrimento padeces, Polifemo, para gritar desa maneira (…)? É que algún dos mortais está levando os teus rabaños… ou estate a matar con engano ou coas súas forzas? 
 E contestoulles o poderoso Polifemo:
 “Amigos, Ninguén estame matando con engano, e non coas súas forzas.“
 E eles contestaron e dixéronlle aladas palabras: “ Pois se Ninguén te ataca e estás só…é imposible escapar da enfermidade do gran Zeus. Suplica ao teu pai Poseidón, o soberano.”
 Así dixeron e marcharon.