lunes, 23 de febrero de 2015

Literatura e cine: Rebeldes, de S. E. Hinton


Parece incrible que esta novela xuvenil, publicada en 1967 por Susan E. Hinton , siga a ter  tanto éxito entre os lectores de 3º ESO e que os conmova tanto. A ambientación nunha cidade norteamericana parece moi afastada da súa realidade cotiá, pero as vivencias dos adolescentes, especialmente a do protagonista, calan entre os lectores desta idade como se fosen moito máis contemporáneas do que son e o mundo imaxinado máis próximo do que parece.
O enfrontamento entre bandas rivais mantén a súa atención desde as primeiras páxinas da novela, pero son o percorrido persoal do protagonista, o punto de vista da narración, a relación de amizade entre os membros do grupo, o desenlace da historia… os que manteñen enganchados por completo a estes lectores adolescentes.
O visionado da película pecha un universo recreado previamente pola súa lectura individual. A comunicación da experiencia lectora e o intercambio de opinións na xuntanza posterior enriquecen esa experiencia silenciosa, privada e interior de cada un deles.
O resultado foi sorprendente, os comentarios novidosos. Enviaron reseñas ao blog da biblioteca “Temos conto dabondo” onde tamén aparece un enlace á película dirixida por Coppola cunha banda sonora que lles gustou moitísimo.
Se unha das finalidades da literatura é espertar emocións nos lectores, esta novela cumpre o seu obxectivo sobradamente despois de 49 anos da súa publicación: bágoas, rabia e risas afloraron nestes rapaces que gozaron de cada unha das súas páxinas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario